Salvando libros


Despois de varias sesións de traballo, xa está en marcha a nosa exposición "Salvando libros".
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.

Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Esta foi a nosa particular maneira de celebrar o Día das Letra Galegas, que este ano tiveron como protagonista, amais de Lois Pereiro, a moitísim@s escritores, salvados grazas á colaboración de
96 bibliotecas que participaron neste fermosísimo proxecto.

Queremos dar moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.




ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:

Ler, comer, amar


Na última sesión deste club de lectura bibliarousa+ acordamos que, amais de falar da obra proposta, "O amor nos tempos do cólera", ben podiamos combinar os nosos comentarios con bocadiños de deliciosas sobremesas. Na sesión adicada a "Otra idea de Galicia", foi Andrés quen nos sorprendeu coa súa torta de mazá e, nesta ocasión, foi Alberta a que elaborou unha riquísima torta de queixo. Debeu ser o regusto que nos quedou desa merenda literaria o que decidiu a próxima lectura:
"Como agua para chocolate", de Laura Esquivel. Esta novela ambiéntase no México de principios do s. XX e fálanos dos amores contrariados de Tita e Pedro. A comida vaise converter na metáfora dese amor imposible.
Esta obra conta cunha versión cinematográfica tan extraordinaria coma a literaria e por iso faremos un comentario das escenas máis significativas da película.
Xa sabes: se entre as túas paixóns están ler, comer ou amar, vén á nosa biblioteca o martes, 14 de xuño á 8h.