Volve a revista O Lagartiño!

 


O alumnado de 4º do Equipo de Dinamización da Lingua Galega retomou este curso a edición da revista O Lagartiño, baixo a dirección do profesor Emilio Cambeiro. A publicación recolle algunhas das actividades realizadas polo noso centro ao longo do curso, así como caricaturas dos profesores, receitas, pasatempos, e os textos gañadores dos concursos de cartas de amor e de contos de medo do Samaín. Botádelle un ollo:

 Revista O Lagartiño completa

As lecturas deste curso

 


De primeiro a cuarto da ESO, profesorado e familias; entre todos, neste curso lemos unha chea de libros e moi variados! En castelán e en galego; teatro, novela negra, novela xuvenil, banda deseñada... (fáltanos a poesía, sabémolo, e amañarémolo). Coñecedes todos estes títulos? Contádenos cal vos falta ou cal vos gustou.

Club de lectura de familias


 Neste curso retomamos o Club de Lectura de Familias, que levaba anos sen organizarse. Comezamos coa novela gráfica Persépole de Marjane Satrapi, e continuamos co clásico de Mark Haddon, El curioso incidente del perro a media noche. Con A crueldade de abril, de Diego Ameixeiras, adentrámonos na novela negra, e remataremos o curso comentando O derradeiro libro de Emma Olsen. Aínda temos pendente o encontro para comentalo. Agardamos continuar no vindeiro curso e que se nos una algún pai ou avó :-)

Un Club de lectura de profes moi activo


 O Club de Lectura de Profes estivo moi activo neste curso e non nos chegou o tempo para ler todas as propostas que se fixeron. Sen dúbida, retomarémolas no próximo curso!

O grupo arrancou cunha tradución do italiano, As miñas estúpidas ideas, de Bernardo Zannoni, gañadora do premio Campiello, un dos máis prestixiosos das letras italianas. Sorprendeu e gustou esta primeira e orixinal novela, protagonizada por unha garduña. Continuamos con outra tradución, esta vez, do inglés para o castelán, cun libro que xa é un clásico para a comprensión do autismo, El curioso incidente del perro a media noche, de Mark Haddon. Logo, no Nadal, o Premio Nacional de Literatura Dramática concedido a Paula Carballeira lanzounos a ler a obra As alumnas, que nos levou a reflexionar sobre a propia profesión de docentes. E rematamos o curso con A agonía das folerpas, a primeira novela de Óscar Reboiras, autor rianxeiro con que tivemos o pracer de conversar por videoconferencia. A obra deixounos con ganas de visitar o Xurés e de seguir acompañando á personaxe principal, Fina, nas súas aventuras.



Club de 1º de ESO: novela e teatro

 

O a lumnado de 1º ESO, coordinado por profesorado do Departamento de Lingua e Literatura Castelá, realizou tres lecturas ao longo do curso escolar: Abdel, de Enrique Páez; Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher  e unha selección de textos teatrais. Foi o grupo o que decidiu as lecturas que se lerían, en función dos seus intereses e dos fondos dispoñibles na biblioteca.

Club de 2º: libros para reflexionar

 
O Club de Lectura de 2º ESO arrancou con tres alumnas e rematou con sete! Non podía ser doutra maneira, cos títulos tan suxestivos que escolleu a profesora de Lingua Castelá, que coordinou o grupo. A experiencia resultou moi gratificante, pois a posta en común das lecturas sempre permite descubrir novas interpretacións e visións, xa que non todos nos fixamos nas mesmas cousas. Aquí vos deixamos as lecturas, por se vos apetece descubrilas no verán:

- Campos de fresas, Jordi Sierra i Fabra.

-El tiempo de la verdad, Daniel Blanco.

- El mundo azul, Ama tu caos, Albert Espinosa.