Un Club de lectura de profes moi activo


 O Club de Lectura de Profes estivo moi activo neste curso e non nos chegou o tempo para ler todas as propostas que se fixeron. Sen dúbida, retomarémolas no próximo curso!

O grupo arrancou cunha tradución do italiano, As miñas estúpidas ideas, de Bernardo Zannoni, gañadora do premio Campiello, un dos máis prestixiosos das letras italianas. Sorprendeu e gustou esta primeira e orixinal novela, protagonizada por unha garduña. Continuamos con outra tradución, esta vez, do inglés para o castelán, cun libro que xa é un clásico para a comprensión do autismo, El curioso incidente del perro a media noche, de Mark Haddon. Logo, no Nadal, o Premio Nacional de Literatura Dramática concedido a Paula Carballeira lanzounos a ler a obra As alumnas, que nos levou a reflexionar sobre a propia profesión de docentes. E rematamos o curso con A agonía das folerpas, a primeira novela de Óscar Reboiras, autor rianxeiro con que tivemos o pracer de conversar por videoconferencia. A obra deixounos con ganas de visitar o Xurés e de seguir acompañando á personaxe principal, Fina, nas súas aventuras.