Gañadores do 3º premio 'Dígocho Eu'

 

Aquí estamos a representación do IES da Illa de Arousa (alumnado, familias e profesorado) que acudimos o 16 de maio a Santiago, a participar na Gala de Premios 2024 do programa 'Dígocho Eu'. Foi unha experiencia inesquecible para todos e saímos contentos e orgullosos de ser galardonados co 3º premio,  co noso vídeo sobre a dorna.

Club de manga: fans de Luffy

 


Como nos gusta Luffy e a súa determinación de converterse nun gran pirata! Neste curso, o Club de manga leu os tres primeiros volumes de One Piece. Continuamos para o próximo curso e xa lle botamos o ollo a Dr. Stone e a El ratón de biblioteca.

8M: Pioneiras, heroínas, guerreiras

 

Bótalle un ollo á selección de libros que preparamos para celebra o 8M, Día Internacional da Muller.

Exposición de caixas de lectura 'A balada dos unicornios'



Ás veces, os estantes da biblio tamén se converten en escaparates dos traballos que realizamos na aula. Baseándose no libro 'A balada dos unicornios', de Ledicia Costas, o alumnado realizou unhas 'caixas de lectura' moi creativas e plasmou a través de obxectos, debuxos e textos as súas impresións sobre a obra.

Concurso de relatos de Samaín

Ata o 5 de novembro está aberto o prazo para participar no concurso de relatos de Samaín. Poden participar tanto alumnado como profesorado. Animádevos a participar, hai premios para todos!! 


Recomendacións de verán

Marchar para a praia e non levar un libro na man non sería propio dun bo veraneante. Achégate á Biblio e leva libros da Biblio. Déixoche aquí unhas recomendacións por se as dúbidas non te deixan aclararte.

Obradoiro de dobraxe

A Mesa Pola Normalización Lingüística, como cada ano, ofrécenos afondar un pouquiño máis na nosa lingua. Este ano, e repetindo actividade, escollemos o obradoiro de dobraxe. Encántanos poñerlle cara ás voces da nosa infancia. Que pensades que vos dicimos que veu a voz de Son Goku? Unha marabilla escoitalo! Pero é que ademais tivemos a oportunidade de ser dobradores e dobradoras por uns minutos. Algún descubriu a súa futura profesión, estamos seguras!

Orgullo Galego

As portas da nosa biblio sempre van estar abertar para quen poña o galego no lugar que merece. Por iso convidamos aos rapaces de Orgullo Galego, unha iniciativa que busca darlle pulo á lingua, especialmente na internet, á par que promociona a cultura, paisaxe e patrimonio do noso país. Aprendimos ademais que o galego está e estará nas Redes Sociais e que facer contido en galego pode darnos moitas alegrías!

A poesía é o gran milagre do mundo

Aínda que parece un xénero olvidado, aquí non vai quedar atrás. Por iso, Antía Otero veu facer un encontro-recital co alumnado de 1º e así achegalos un pouquiño máis á poesía. Coñecimos a Penélope, a importancia das mulleres que escriben, a Pippi Langstrump... e falamos do fermoso que é escribir poesía.

Carlos Meixide, unha vez máis

Que gusto dá recibir amigos da Biblio. Carlos Meixide é un deles. Sempre nos acompaña para falar da súa novela e do proceso de escrita. Neste caso, foi recibido polo alumnado de 2º de ESO, que vén de ler a súa novela, Ons, e algúns xa se adentraron na continuación do misterio dos 5 de Ons, con Cans ou Portugal. Se aínda non lestes ningunha das súas obras, ide correndo a coller un prestado, porque é unha moi boa lectura de verán.

Ciencia na biblio. As cremas solares

Club de Lectura na Biblio coa profe de Física. Aida ensinounos a facer as cremas máis solicitadas do mercado, despois de ler !Que se le van las vitaminas!, de Déborah García Bello. Pasámolo moi ben coñecendo as propiedades e beneficios da química do coidado facial, especialmente importante á hora de protexernos do sol ou outros axentes externos. Cada unha fixo ou seu propio ungüento para levar para a casa. Esperemos que funcione!