Salvando libros


Despois de varias sesións de traballo, xa está en marcha a nosa exposición "Salvando libros".
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.

Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Esta foi a nosa particular maneira de celebrar o Día das Letra Galegas, que este ano tiveron como protagonista, amais de Lois Pereiro, a moitísim@s escritores, salvados grazas á colaboración de
96 bibliotecas que participaron neste fermosísimo proxecto.

Queremos dar moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.




ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:

Ler, comer, amar


Na última sesión deste club de lectura bibliarousa+ acordamos que, amais de falar da obra proposta, "O amor nos tempos do cólera", ben podiamos combinar os nosos comentarios con bocadiños de deliciosas sobremesas. Na sesión adicada a "Otra idea de Galicia", foi Andrés quen nos sorprendeu coa súa torta de mazá e, nesta ocasión, foi Alberta a que elaborou unha riquísima torta de queixo. Debeu ser o regusto que nos quedou desa merenda literaria o que decidiu a próxima lectura:
"Como agua para chocolate", de Laura Esquivel. Esta novela ambiéntase no México de principios do s. XX e fálanos dos amores contrariados de Tita e Pedro. A comida vaise converter na metáfora dese amor imposible.
Esta obra conta cunha versión cinematográfica tan extraordinaria coma a literaria e por iso faremos un comentario das escenas máis significativas da película.
Xa sabes: se entre as túas paixóns están ler, comer ou amar, vén á nosa biblioteca o martes, 14 de xuño á 8h.

Que libro salvarías ti?


(Cartaz de Carme Loureiro)


Se se queimasen todos os libros ,
se desaparecese toda a nosa cultura escrita,
se non puidésemos nunca máis ler un libro na nosa lingua...

QUE LIBRO SALVARÍAS TI?

De momento, isto é ficción pero por se isto chegase a pasar, nós propoñemos que cada un escolla un libro do que gustase e que transcribamos aquí un anaquiño. Por exemplo:

EU SALVARÍA:
"Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical silvestre."
"Que me queres, Amor?" de M. Rivas

PORQUE:
Porque me gustan as cereixas, porque me gusta o verán, porque me gustan…os bicos!
Creo que este é un libro que merece ser salvado porque nel podemos atopar, amais de fermosos bicos, outras historias apaixonantes como “A lingua das bolboretas”.


Fe Souto

Esta é unha iniciativa da rede de bibliotecas escolares de Galiza na que está incluída a nosa biblioteca. Nesta primeira fase da actividade, cada alumn@ escolle o seu libro; logo, escolleremos un libro por curso; despois, por nivel e, ao final, un por centro.

Amor nos tempos do cólera


Tivemos sesión do Club de Lectura bibliarousa+. Falamos da obra de Miguel Anxo Murado Otra idea de Galicia mentres recorríamos o mapa de Domingo Fontán e merendamos un riquísimo flan de mazá.
E escollemos a próxima lectura: para o próximo 26 de Abril propomos traer feita a lectura de El amor en los tiempos del cólera, de Gabriel García Márquez. Recorre esta novela unha apaixonada e acidentada historia de amor, que durante anos semella de imposíbel resolución.

Agardámosvos para comentar a obra áquelas persoas que gustedes de García Márquez, ás que gocedes coas novelas que encerran triángulos amorosos, as que vos divirtan historias de amores contrariados ou ás que simplemente queirades escoitar e opinar sobre unha lectura.

Aínda que a nosa opinión é que neste caso a versión cinematográfica desmerece a literaria, aquí tedes un fragmento da película para collerlle ganas ao libro:

Feminino plural

Por culpa de Entroido chegamos un pouco tarde á celebración do día da muller.
Cantos días da muller hai no ano?
Cantos días máis hai que celebrar para chegar a unha igualdade?
Cantas mulleres precisan un día d?
Levamos varias sesións no club de lectura falando xustamente de mulleres, feminismo... Na biblioteca temos unha exposición de mulleres na arte e outras actividades das que vos iremos informando... Para comezar, este traballo de Iolanda, unha muller moi, moi traballadora


Para completar a información, visitade un dos nosos blogs de referencia,
trafegando ronseis, no que se fai unha recompilación sobre as distintas actividades arredor deste tema que se mostran nas bibliotecas escolares. Escollemos este magnífico traballo do IES Sampaio


Aproveitando o Proxecto América, e enlazando co tema da muller, decidimos a seguinte lectura: A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre.



Como sesión de transición, fixemos unha actividade de "lectura de imaxes"


mirando o mundo coas nosas gafas violeta

No noso club de lectura seguimos comentando o libro "El diario violeta de Carlota" onde aparece, entre moitos outros, o tema da publicidade sexista que nós ilustramos con fotos de anuncios publicitarios ben coñecidos: Axe, Dolce & Gabana, Barceló... Para completar este tema, velaquí unha mostra da relación entre este tipo de publicidade e a violencia de xénero:

"Otra idea de Galicia"


Botamos a andar o noso club de lectura de adultos bibliarousa+ co comentario da novela "Afirma Pereira". Falamos da soidade, do fascismo, de censura, de literatura, de cine... Vaia, unha sesión ben, ben aproveitada.
Houbo varias propostas de lectura para a seguinte sesión e, ao final, escollemos
"Otra idea de Galicia" de M. A. Murado, un ensaio moi interesante sobre como somos os galegos; por que somos como somos... O autor vai desfacendo moitos dos tópicos sobre esta terra e apuntando moitas ideas para o debate. Se queredes falar de todo isto, aquí estaremos o martes, 22 de marzo ás 8, na biblioteca do instituto


Xornais do mundo



Un ano máis, despois do seu percorrido por moitos institutos de Galicia, temos de volta a nosa exposición Xornais do mundo.

Esta exposición pretende mostrar os distintos alfabetos do mundo xa que conta con exemplares en linguas moi diferentes: chinés, xaponés, tamil, grego, ruso, árabe...

Tamén mostra información sobre estes alfabetos e curiosidades como a orixe da letra @

Durante esta semana visitárona todos os cursos e creo que todos saben un pouquiño máis sobre as linguas do mundo, ata sabemos escribir o noso nome en chinés ou árabe!!!

Queremos aproveitar para agradecer a colaboración de todos os institutos polos que pasou que foron enriquecendo a colección e completándoa coa tradución dalgunhas portadas. Por certo, hai por aí alguén que nos axude a traducir xaponés ou chinés? Sería unha boa aportación a esta exposición.

Máis amores

Para que continuedes a inspirarvos...

Para que vos inspiredes neste percorrido pola Historia da Arte a través dos bicos...
Se despois de ver isto non somos capaces de escribir unha mensaxe de AMOR...

SMS Amor


Podes namorar a alguén a distancia?
O amor é cuestión de fermoss palabras?

Que mensaxe de Amor che gustaría recibir?

Se estás namorad@ escribe a túa mensaxe de Amor segundo as bases que figuran no concurso:
Tema: O AMOR
Límite: 100 caracteres
Prazo: ata o 14 de febreiro
Entrega: biblioteca

bibliarousa+

Despois de varios intentos, botamos a andar o novo club de lectura para adultos que se vai chamar BIBLIAROUSA+ Queremos compartir esta iniciativa con tod@s @s lector@s que se animen a comentar un libro unha vez ao mes, na biblioteca do IES Illa de Arousa.
Para a seguinte sesión, martes, 22 de febreiro escollemos Sostiene Pereira, de Antonio Tabucchi
A película co mesmo título tamén nos parece moi interesante, aquí tedes unha mostra:

As nosas gafas violeta


Como podedes VER, na ultima sesión do club de lectura fixemos as nosas gafas violeta coa intención de mirar o mundo a través delas, é dicir, observar condutas machistas, actitudes de homes e mulleres que non respectan o espazo e os dereitos da muller. Xa vos contaremos!!!