One Piece. Descubrir ou mundo otaku da man dun pirata
Club de Lectura Manga
Neste primeiro Club de Lectura Manga do curso decidímonos por Dr. Stone. Que farías ti se quedas convertido en pedra? Aguantarías máis de 3000 anos sen perdes a consciencia só para volver á vida e que todos estean a durmir? Aquí falamos das nosas sensacións e podedes acceder dende a biblio ao primeiro volume e aos cinco que o seguen. Por suposto, non deixamos pasar a oportunidade de probar delicias que chegan da outra punta do mundo.
É Entroido!
Se algo nos gusta na Arousa e gozar das festas. Iso sabemos facelo e moi ben.
Despois de tanto tempo, foi un gustazo desfrutar desta xornada de Entroido. Saímos ás rúas ensinar os nosos atavíos, a tocar e rir. E á volta... comer!
O alumnado do centro organizou unha colecta solidaria vendendo as receitas máis saborosas e tradicionais. Un millón de grazas a todas esas mans voluntarias que tanto agarimo puxeron en cada cullerada.
E como non, baile, xoldra, risa...
Se a Candeloria chora, medio inverno vai fóra!
O día da Candeloria é o día no que casan os paxariños e son moitos os que din que pode ser un día clave para a fin do inverno.
Nós aproveitamos para desfrutar do amor, da amizade e da alegría de estar xuntos. Mandamo mensaxes poéticas cargadas de sentimento e desfrutamos da exposición de bicos máis fermosos da historia da literatura, do cine e mesmo da arte.
Cal é ese bico (de ficción!) que non podedes esquecer?
Intrépidas: Club de lectura de ciencias
Club de Lectura. Latidos
Este club de lectura xa ten moita traxectoria e lecturas enriba. Por iso desta volta escollimos algo diferntes e arriscado, todo hai que dicilo.
Latidos é unha historia narrada a través dunha conversa de whats app, como meterse dentro da vida dunha persoa desde o seu móbil. Desde logo que foi diferente.
O que máis nos gustou? Poñernos na pel deses personaxes que sofren a soidade e o abandona despois dunha gran perda, pero que sempre atopan o seu lugar no mundo e a convivir coa perda, que sempre vén acompañada dunha ganancia.
Recomendámolo? Si, para unha tarde de sol na praia. Animádevos, segue na Biblio.
Club de Lectura de xente non tan miúda
O primeiro Club de Lectura do curso. Que delicia ler a Antía Yáñez nesta novela que se divide entre a comedia e a traxedia máis clásica.
Encantounos falar do libro e de todos os temas aos que se achega desde unha perspectiva case persoal.
Desfrutamos, ademais, dunha xornada de comida e xogos de mesa, como non...
En breves falaremos da seguinte escolla, que de seguro non nos vai deixar indiferentes...
As nosas voluntarias
Presentámosvos o noso equipo: unha manda de xente que non dubida en prestar o seu tempo e poñer a Biblio en orde, prestar libros, adornar e idear cousiñas para facer a nosa biblio máis amena. Poderedes identificalos se vedes esta chapiña que levan todos e que fixemos aquí, no centro.
25N
As bolboretas mensaxeiras chegaron para nos deixar frases que nos fan reflexionar sobre a lacra que supón a violencia contra as mulleres. O alumando da Arousa tivo a oportunidade de deixar a súa mensaxe para concienciar e pensar no noso papel na sociedade.
As mensaxes viñeron acompañadas de lemas que se poden ler polos corredores e que as voluntarias da Biblioteca se encargaron de plasmar nas paredes do IES.
Podes ver tamén, no expositor da entrada, os proxectos de deseño para recordar este día.
O 25N leuse tamén un manifesto e gardamos un minuto de silencio tras unha performance realizada polo alumnado de 4º.
Tes medo?
Se non o tes, deberías telo. Esta semana adentrámonos nos contos máis terroríficos da nosa literatura.
O voluntariado da Biblio ambientou os espazos e as alumnas de 3º e 4º encargáronse de escenificar os contos máis arrepiantes da nosa tradición literaria: Fole, Ferrín ou Dieste fixeron a súa aparición nestes días tan celebrados.
Podedes ver algunha mostra da dramatización, que dende logo conseguir meter medo ata ás máis fortes da clase.
Novo curso, novos retos
Comezamos novo curso en Bibliarousa. Este ano teremos a posibilidade de ampliar lecturas, pero tamén de ser partícipes da creación de novos camiños e historias que nos levarán a descubrir mundos máis aló da ría. Estades lists? Comezamos!





















.jpeg)
.jpeg)
