#recitandoCelsoemiliO

O grupo de 3º PDC elaborou este videopoema xogando con un texto de Celso Emilio Ferreiro, Eu en ti. Puxémolo nas aulas coincidindo coa proposta da Coordinadora ENDL para o 12/12/12.


Proxecto Dereitos Humanos

O Proxecto que traballaremos este curso leva por título Dereitos Humanos. Trátase dunha serie de actividades que levaremos a cabo ao longo do curso, escollendo como eixo central os Dereitos Humanos e o seu incumprimento.  O deseño deste Proxecto consiste en:

  • Actividades compartidas, nas que participa todo o centro: exposición "Un mundo inxusto", Violencia de xénero,  Semana da Paz...
  • Actividades propias de cada materia, integrando o tema dos Dereitos na programación  curricular: Dereitos lingüísticos, Arte e Dereitos Humanos, Liberdade de Expresión...
  • Dereitos e club de lectura. A raíz da lectura Los juegos del hambre, prepararemos uns xogos cooperativos nos que se poñan de manifesto as diferenzas sociais e económicas entre países ricos e pobres.
O martes, 27 de novembro, proxectaremos  no Auditorio a película " Te doy mis ojos". Esta actividade está organizada polo departamento de Orientación deste centro, que traballou especificamente este tema.




  • Outra das actividades programadas arredor deste tema é o concurso de portas. Cada clase debe adornar a porta da aula con algún motivo alusivo á violencia de xénero. Xa  se empezan a ver algunhas con moita mensaxe!!!

Queres ser un sinsajo?



















Á vista do éxito da lectura Los juegos del hambre, vímonos na necesidade de desdobrar o club de lectura Bibliarousa, para respectar os distintos ritmos de lectura:
- por unha banda, os que xa van polo segundo libro, En llamas; ou polo terceiro, Sinsajo.
- por outra, os que seguen coa primeira entrega.

De todos os xeitos, compartimos xogos de imaxes e faremos sesións conxuntas para comentar, entre outras cousas, a película.



Lecturas Bibliarousa

Comezamos a nosa andaina no club  de lectura xuvenil e de adultos coas seguintes propostas:

- Club de lectura bibliarousa (xuvenil)

 Los juegos del hambre, de Suzanne Collins

Un pasado de guerras deixou os 12 distritos que dividen Panem baixo o poder tiránico do “Capitolio”. Sen liberdade e na pobreza, ninguén pode saír dos límites do seu distrito. Só unha moza de 16 anos, Katniss Everdeen, ousa desafiar as normas para conseguir comida. Os seus prinicipios poranse a proba con “Os xogos do fame”, espectáculo televisado que o Capitolio organiza para humillar á poboación. Cada ano, 2 representantes de cada distrito serán obrigados a subsistir nun medio hostil e loitar a morte entre eles ata que quede un só sobrevivente. Cando a súa irmá pequena é elixida para participar, Katniss non dubida en ocupar o seu lugar, decidida a demostrar coa súa actitude firme e decidida, que aínda nas situacións máis desesperadas hai lugar para o amor e o respecto.
A historia continuará... a segunda entrega da triloxía .

Vémonos o próximo venres para repartir exemplares!!!



Tamén podemos ir facendo boca coa película:



-Club de lectura bibliarousa+ (adultos)

Outono aquí, de Mario Regueira

Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011.
Outono aquí narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si.
O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.

Vémonos o martes, 30 de outubro ás 20 h. no instituto.

 

Acollida 2012

 
Benvidos e benvidas a este novo curso que comezamos coas seguintes actividades:
  • Durante os días 18 e 19 de setembro celebraremos unhas Xornadas de acollida organizadas pola biblioteca do IES Illa de Arousa. Nestas sesións iremos recibindo no espazo da biblioteca aos diferentes cursos (de 1º ESO a 4º ESO) para explicar as normas de funcionamento: empréstitos, clubs de lectura, procura de materiais...
  • O club de lectura Bibliarousa (xuvenil) comezará a súa andaina o venres, día 5 de outubro durante o recreo.
  • O club de lectura  Bibliarousa + (adultos) botará a andar o martes, día 2 de outubro, ás 20 h. Nestas sesións de benvida comentaremos as nosas lecturas de verán e faremos novas propostas para este curso.
  • NOTA: O cambio de horario para o inicio dos clubs de lectura responde a outras actividades escolares reservadas para as datas previamente fixadas.

Lecturas de sol e sombra

As actividades da nosa biblioteca e dos clubs de lectura Bibliarousa e Bibliarousa+ non acaban co curso. Como xa sabedes, seguimos a prestar libros e películas para o verán. Podedes vir pola biblioteca do centro no mes  de xullo para devolver ou levar o material que queirades. E xa que o verán é tempo de dietas, velaí vai a nosa receita: comidas de cine, fartura de libros, devorar as lecturas, devecer por seguir lendo... sen moderación, nin dosificación!!!

Castelao e Kiko Dasilva


Mentres agardamos a visita de Kiko Dasilva ao noso centro, no club de lectura Bibliarousa andamos a ler as Cousas de Castelao, por aquelo de que é un dos nosos primeiros ilustradores famosos. Amais desta paixón pola arte gráfica, é evidente que comparten algo máis: ironía, humor, RETRANCA e GAFAS!

Cantos Días merecen as Nosas Letras?




Programando a Semana das Letras Galegas para este ano, queremos mostrar esta chamada de atención sobre a importancia dunha lingua que é NOSA, que nos criou, que nos pertence e que non queremos perder. Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez Blanco son os  autores destes vídeos.
Parece, xa que logo, que é unha cuestión  de LIBERDADE pero tamén de RESPONSABILIDADE




Velaquí unha pequena mostra dun manifesto elaborado polos nosos alumnos, basado nun texto de Celso Emilio Ferrreiro e que recolle moitas das razóns que non explican nin as Gramáticas nin os Dicionarios pero que son suficientes para nós:


Eu fáloa porque si, porque me gusta.
Eu quéroa porque si, porque me mola.
Eu quéroa porque é parte de min.
Eu quéroa porque é miña, e chega.
Eu síntoa miña porque me criou desde pequeño.
Eu respéctoa porque son as miñas raíces.

Eu elíxoa porque si, porque vale a pena.
Eu fáloa porque me sae pola boca.
Eu aloumíñoa porque me fai máis feliz.
Porque me dá a vida.
Porque me fai soñar.

Eu seméntoa para que se multiplique.
Eu régoa para que non se murche.
Eu sóñoa para que a abale a lúa.
Eu cántoa para que o vento a zoe.
Eu navégoa porque estou a salvo no barco que me leva.

Eu esquézoa para lembrala unha e outra vez.
Porque grazas a ela podo escribir estas palabras.


Queremos, por último, facer unha homenaxe a Valentín Paz Andrade, o autor ao que se lle adican as Letras Galegas 2012. Escollemos un traballiño feito polo CPI dos Dices, en Rois, que nos parece moi interesante:

Proxecto América

Velaquí o resumo do Proxecto América realizado neste centro durante o pasado curso. Mostramos algunha das actividades nas que participamos toda a comunidade escolar, nun proxecto organizado pola biblioteca deste centro.
A razón de presentar este resumo a estas alturas é que expuxemos este traballo nos Encontros de Bibliotecas escolatres celebrados en Santiago os días 19 e 20 de abril. Alá fomos presumir de centro, de compañeir@s, de alumn@s... en definitiva, presumir dun traballo colaborativo do que nos sentimos orgullos@s.

O Lector



O lector (Der Vorleser en alemán, literalmente "o que le en voz alta") é unha novela escrita polo profesor de leis e xuíz alemán Bernhard Schlink. Foi publicada en Alemaña en 1995 .  O tema é o Holocausto, e a forma na que se xulgan os culpables. Michael Berg, o protagonista adolescente, convértese en "lector" e amante de Hanna, unha muller que lle leva máis de vinte anos...
Comentaremos o libro e a película, o martes, 24 de abril, ás 20 h. no instituto.

O Perfume



Na sesión do club de lectura Bibliarousa+ do día 20 de marzo lemos O Perfume, unha novela de Patrick Süskind. A historia da personaxe principal, Grenouille, "un dos homes máis xeniais e abominables da súa época", transcorre na Francia do século XVIII. Desde o seu nacemento, Grenouille descobre e percibe o mundo a través do sentido do olfato, que ten máis desenvolvido que o resto das persoas. El non ten cheiro propio.
Comentamos o libro e, tamén, escenas da película.

Envoltas no máxico mundo dos aromas, acabamos a sesión facendo un experimento con diferentes arrecendos que tiñamos que ir adiviñando: terra mollada, herba cortada, tinta, xabón Heno de Pravia, menta e, naturalmente,  o "anticheiro" de Grenouille.

marea de versos


O mércores, día 21 de marzo, celébrase o día da poesía. Este ano quixemos festexalo  secundando unha iniciativa dos institutos de Vilagarcía que se titula "Marea de versos". Trátrase de sacar fóra os textos poéticos, de airealos pola rúa para que todo o mundo os poida ler; algo parecido á nosa "seneira da poesía" que fixemos o curso pasado. Cada alumn@ poderá escoller un poema que lle guste especialmente ou botar man dalgún orixinal, por exemplo, algunha cantiga de "Namorando" que elaboramos en 3º ESO. Despois, que rulen pola Arousa, de man en man ou nos limpaparabrisas dos coches. ATENCIÓN: que ninguén tire os papeis colocados nos coches. Non son publicidade barata, SON POEMAS!!!!!!! Que teñades boa marea!!!
Presentación na prensa:
http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2012/03/17/institutos-vilagarcia-illa-dan-forma-marea-versos/633209.html

Feminino plural

Sempre mantivemos que un día de (a muller, o medio ambiente, o traballo...) non é suficiente para mostrar realidades tan amplas e complexas. Por esta razón, para nós,  O día da muller  vai ter unha cobertura que non se pode circunscribir a determinados actos para cumprir co calendario.
Durante todo o mes de marzo realizaremos diversas actividades relativas a este tema, froito da colaboración entre os distintos departamentos: Titoría, Extraescolares, Normalización, Biblioteca...
Velaquí a nosa proposta:
  • Proxección do documental Doli, Doli, Doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo. Trátase dun documental sobre o peche da conserveira Odosa na Illa de Arousa. Centos de mulleres pecháronse na fábrica para esixir os seus dereitos laborais e o recoñecemento de tantos anos de traballo. Sobrecolledor, sincero, unha mostra de valentía de moitas mulleres que son un exemplo de resistencia:


  • Mesa redonda con algunha das ptotagonistas e coa directora do documental, Uqui Permuy.
  • "Seneira de batas", idea recollida do documental "Bata por fóra, muller por dentro"  realizado no IES Alexandre Bóveda de Vigo por Claudia Brenlla.
  • "Mulleres e Ciencia", unha exposición prestada polo instituto de Catoira que recolle a biografía de mulleres destacadas no eido científico.
Velaí un poemiña que hoxe queremos adicar ás mulleres:


Camiñan
descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.






            Ana Romaní, de Das últimas mareas (1994)


Velaquí a selección de fotos da exposición "Mulleres e Ciencia" que pasou polo noso instituto:





97 formas de decir te quiero




Aínda que non nos deu tempo a repartir os libros da próxima sesión do club de lectura, xa sabedes que esta obra: 97 formas de decir te quiero, de J. Sierra i Fabra será a que comentemos nas próximas sesións. Para ir facendo boca:

"Hay muchas formas de quererse, sabes? pero la suya era...total. Un amor puro, increíble,alucinante. Un amor especial como hay pocos. Y ellos lo sabían. Todos los enamorados del mundo creen que su amor es único y distinto, pero el de ellos sí lo era. Estaban hechos el uno para el otro, se tenían y deseaban fundirse en uno solo, cuando estaban juntos el tiempo se aceleraba, y cuando estaban separados se hacía eterno. Cada beso, cada caricia, era un puro sentimiento desnudo. Podían pasarse horas mirándose a los ojos y nada más, pero cuando se acariciaban, se besaban... entonces... no hay palabras para describir esa emoción."

Dado o entusiasmo co que se acolleu esta nova lectura, atrevémonos a propoñer que nós, os integrantes do club de lectura, escribamos nada máis e nada menos que 97 FORMAS de dicir "quérote". Na primeira sesión xa tivemos seis. Para ter un arquivo deste material creativo, ímolas publicando no taboleiro da entrada da biblioteca e, tamén, en forma de "comentario" neste blog, nesta entrada.

Simpson e Disney


Acabando xa as últimas sesións do club de lectura sobre Os Simpson, botamos man do mundo Disney para facer un percorrido pola historia da banda deseñada. Escollemos Fantasía 2000, unha obra  feita para lembrar o 60 aniversario da película Fantasía, o terceiro clásico de Walt Disney, do ano 1940. Comezamos coa introdución sobre a evolución das técnicas de animación e vimos, por exemplo, o primeiro Mickey Mouse creado en 1928, os primeiros debuxos animados a cor...Para acabar esta sesión, unha peza marabillosa titulada "O paxaro de lume", na que música e imaxe se fonden nunha máxica conxunción de emocións que nos deixaron abraiados. Velaquí a tedes:

 

África e Mia Couto


A última sesión do Club de Lectura BIBLIAROUSA+ foi ben estraña: nom puidemos ler o libro proposto porque... estaba descatalogado. Menos mal que tamén acordáramos visionar a película Mooladé, e demos en comentar varias escenas do filme que, como o libro non-lido (Mutilada, de Khadi Koita) trata o tema da mutilación xenital feminina.

A sesión deu para falar polo miúdo porque a película do senegalés Ousmane Sembene é unha marabilla que todas e todos deberiades gozar. Falando das mulleres da película, das tradicións culturais que non o deberan ser,  da vida no rural africano... chegamos á proposta para a próxima sesión:


O último voo do flamingo, de Mia Couto, que como o seu nome indica é un home. A versión orixinal da novela está escrita en portugués, pois Mia Couto é mozambicano, país que fai parte da Lusofonia. Existe tradución ao castelán na editorial Alfaguara. Temos exemplares circulando entre nós, polo que, se tedes interese en participar no club, só tedes que contactar con nós.
Foi estreada este verán unha película baseada na novela, así que tentaremos facernos con ela, para ver algunha escena o día da merenda-encontro.

Pido a paz e a palabra


Con este verso de Blas de Otero,  queremos comezar a proposta de actividades que imos levar a cabo con motivo da Semana da Paz. Velaquí un adianto:

"Cine para vivir, cine para convivir". En cada curso proxectaremos unha película que trate o tema da Paz: A Ola (4º ESO), A lingua das bolboretas (3º ESO), O neno do pixama a raias (2º ESO) e O señor das moscas (1º ESO). O visionado das películas irá acompañado de diferentes actividades orientadas ao tratamento do tema da Paz e Dereitos Humanos.






- Paz e Dereitos Humanos. Exposición e traballos sobre este tema facendo unha avaliación do grao de cumprimento real destes Dereitos.

















-Mercadillo solidario. Ao longo da semana que vén iremos aportando diferentes obxectos, libros... para poñelos á venda e, cos cartos recadados, facer unha doazón a unha ONG. Precisamos a colaboración dos pais e nais para o desenvolvemento desta actividade.










- Libros e películas na biblioteca. Recomendacións Paz 2012


Os Simpsons







Xa estamos de volta traballando no club de lectura Bibliarousa.  Tal como dixemos, a nosa próxima "lectura" será a serie animada Os Simpsons. Para introducir o xénero de banda deseñada, comentamos unhas nocións básicas sobre esta técnica:
E falamos tamén da orixe, a autoría e as curiosidades desta serie. Quedamos en ver o capítulo que se emite o xoves, 19 de xaneiro, ás 21 h., en Neox, para comentalo na sesión do venres.

AVISO CLUB DE LECTURA BIBLIAROUSA +
O libro Mutilada que debemos comentar   na próxima sesión do día 24 de xaneiro, está descatalogado polo que vai ser difícil que o poidamos ler todos os intrgrantes do club de lectura. De todos os xeitos quedamos para falar da película Mooladé, de Ousmane Sembene. Se non a podedes conseguir, preguntade no instituto ou navegade un pouco pola rede. Ata o martes!



Isaac Díaz Pardo, un resistente


Este ano os Reis trouxéronnos un tráxico agasallo: a morte de Isaac Díaz Pardo, un artista, un galeguista... UN RESISTENTE!
Un home que loita desde ben neno contra as pedradas da vida como a morte do seu pai, o exilio, a recuperación da memoria histórica... convértese nun supervivente, nun artista necesario, imposible de etiquetar nun só xénero poi foi deseñador, ceramista, pintor, escritor...
Leamos esta sentida semblanza que nos fai Manuel Rivas sobre a figura deste autor e escoitemos as súas propias palabras: