Club de Lectura de xente non tan miúda

 O primeiro Club de Lectura do curso. Que delicia ler a Antía Yáñez nesta novela que se divide entre a comedia e a traxedia máis clásica.

Encantounos falar do libro e de todos os temas aos que se achega desde unha perspectiva case persoal.

Desfrutamos, ademais, dunha xornada de comida e xogos de mesa, como non...

En breves falaremos da seguinte escolla, que de seguro non nos vai deixar indiferentes...

As nosas voluntarias

 Presentámosvos o noso equipo: unha manda de xente que non dubida en prestar o seu tempo e poñer a Biblio en orde, prestar libros, adornar e idear cousiñas para facer a nosa biblio máis amena. Poderedes identificalos se vedes esta chapiña que levan todos e que fixemos aquí, no centro.

25N

 As bolboretas mensaxeiras chegaron para nos deixar frases que nos fan reflexionar sobre a lacra que supón a violencia contra as mulleres. O alumando da Arousa tivo a oportunidade de deixar a súa mensaxe para concienciar e pensar no noso papel na sociedade.

As mensaxes viñeron acompañadas de lemas que se poden ler polos corredores e que as voluntarias da Biblioteca se encargaron de plasmar nas paredes do IES.

Podes ver tamén, no expositor da entrada, os proxectos de deseño para recordar este día.

O 25N leuse tamén un manifesto e gardamos un minuto de silencio tras unha performance realizada polo alumnado de 4º.

Tes medo?

 Se non o tes, deberías telo. Esta semana adentrámonos nos contos máis terroríficos da nosa literatura. 

O voluntariado da Biblio ambientou os espazos e as alumnas de 3º e 4º encargáronse de escenificar os contos máis arrepiantes da nosa tradición literaria: Fole, Ferrín ou Dieste fixeron a súa aparición nestes días tan celebrados. 

Podedes ver algunha mostra da dramatización, que dende logo conseguir meter medo ata ás máis fortes da clase.

Novo curso, novos retos

 Comezamos novo curso en Bibliarousa. Este ano teremos a posibilidade de ampliar lecturas, pero tamén de ser partícipes da creación de novos camiños e historias que nos levarán a descubrir mundos máis aló da ría. Estades lists? Comezamos!

O amor na Biblio



Non hai mellor mostra de afecto ca un bo bico. Traemos os bicos mais famosos do mundo da arte: o cine, a pintura, a escultura e tamén a literatura, aínda que na súa versión máis gráfica. Aquí vos deixamos unha pequena mostra da exposición "Bicos de cine". Cal é o voso favorito?

Entroido por fin!




Que ganiñas tiñamos dun bo entroido. E recuperámolo, de seguro que si! Un liborio acompañounos as semanas previas para ir quentando motores. E ese día... Desde a corte real con traxes ben orixinais, ovelliñas recén saídas do campo, osiños amorosos, durmiñóns que aínda non foran quen de quitar o pixama... Iso si, todos con materiais reciclados, non fai falta mercar algo que xa está feito ou que podemos facer coas nosas propias mans. Cal foi o voso disfrace favorito?

Reunión do Club de Lectura Manga: Fairy Tail

O gremio de magos de Fairy Tail xa nos conquistou. Reunímonos para charlar e compartir impresións sobre esta nova lectura e o certo é que tivo moi boa acollida, así que imos adentrarnos no segundo volume deste Manga, que tamén ten a versión anime. As lectoras e lecotres compartimos impresións e trucos para desfrutar da literatura xaponesa.

O voluntariado na Biblio: outra forma de entrar no mundo dos libros



Neste curso entramos de novo no programa Bibliotecas Solidarias. O certo é que un dos programas máis satisfactorios que realizamos. Un gran número de alumnos e alumnas sumouse ao programa e cada recreo temos un lote de mans axudando nas tarefas diarias da Biblio. Isto dá soporte á Biblioteca, pero tamén se meten de cheo detrás dos libros. Coñécenos, lenos, compártenos e vólvense así parte da súa vida diaria. Tamén son as responsables de organizar eventos, actos, concursos... dá gusto. E sobra dicir que non poderiamos ter mellores axudantes! Eficientes, resolutivs, curiosxs... Que gusto rodearse de xente así!

Xogamos?

A palabra xogo actívanos a todos dun xeito case primario. É por iso que na Biblio non escatimamos na adquisición de xogos de mesa. Encántannos e encántanos xogar en gran grupo. En canto temos ocasión, argallamos unha xornada de xogos de mesa. Son divertidos, estimulantes, didácticos

Día da poesía


Os caligramas son unha boa forma de "ver" a poesía, non si? O alumnado de 1º colleu os libros da biblio para convertelos en fermosos caligramas, que encheron de cor os corredores, a biblio e as aulas.

Volve o Club de Lectura Manga

Nuha segunda entrega do Club de Lectura Manga leremos Fairy Tail, de Hiro Mashima. Foi unha recomendación dos propios lectores, expertos nestes temas, e non llela imos negar! Alguén o leu xa? Que impresión vos causou?

Mulleres

O 8M quixemos render unha pequena homenaxe a todas aquelas que foron abrindo camiño, esas que loitaron non só por elas, senón polas que viñamos despois. Nunca nada será comparable á súa loita por un mundo máis igualitario, pero é un pequeno gran xesto do alumnado de 1º do IES da Illa de Arousa. 

Velaquí as infografías que colgamos na entrada da Biblio. Con cal quedades vós?

O Grupo co Grupo

Escollimos este libro máis co corazón que coa cabeza. Ás veces a portada, o título... impúlsanos a escoller unha ou outra lectura. Neste caso foi o nome das protagonistas o que nos levou a decantarnos por el, porque quen non se sentiu máis próxima a un compañeiro de onomástica algunha vez? Escollimos xuntarnos na praia. O vento era forte pero gozamos de analizar a nosa personaxe preferida ou de poñernos na súa pel e ver como reaccionariamos nós se foramos Carla, Antón ou Runa. É unha novela para pensar, para reflexionar e poñernos na situación de quen carga ás veces cunha gran mochila. Animádevos!