Amosando publicacións coa etiqueta cine. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cine. Amosar todas as publicacións

DÍA DA PAZ EN BIBLIAROUSA!!


Gandhi dicía que non hai camiño para a Paz, senón que a Paz é o camiño. Por iso, todxs xs que formamos o IES Illa de Arousa queremos aproveitar para festexar todos os días de PAZ. 



Mural "Que calen as armas e falen @s poetas": Agardarei polo albor dun novo día, Celso Emilio.





Poesías pola Paz. Alumnado de 1º de ESO locutou na radio do centro poemas da súa colleita. Velaquí unha pequena mostra, seguimos gravando co profe de música! 


Cine pola Paz: Vaiana, mércores 31/01/2018 ás 16:00 horas na biblioteca do centro. 





Lendo en 2015


Recibiches algún agasallo coma este?
Seguro que entre o apalpador e os reis, algún libro che deixarían....
Pois nós aquí estamos ás voltas coas lecturas que temos pendentes, entre elas O Hobbit, que está case rematado e do que tamén comentamos algunha escena da película:



O venres vémonos para comentar o desenlace e tamén haberá algunha sorpresa sobre Smaug.
Convén ir pensando na próxima lectura!









Cómo se grabo la escena de Smaug en El Hobbit 2

" A vida dos outros"

No club de lectura bibliarousa+ andamos ás voltas entre a literatura e o cine. Despois de ler "a noite branca", parecíanos moi interesante ilustrar a época posterior á 2ª guerra mundial, os tempos da guerra fría, con esta extraordinaria película. Recomendamos a crítica que fai a revista Zinema, unha das nosas páxinas de cine preferidas.



Sinopse:
O capitán Gerd Wiesler é un oficial extremadamente competente da Stasi, a todopoderosa policía secreta do réxime comunista da antiga República Democrática alemá. Pero, cando en 1984 lle encomendan que espíe á parella formada polo prestixioso escritor Georg Dreyman e a popular actriz Christa-Maria Sieland, non sabe ata que punto esa misión vai influír na súa propia vida.

Pacificando

Un ano máis, celebrando un día de PAZ entre tantas frontes de batalla: recortes, novas leis de educación e do aborto... en fin, unha sociedade máis inxusta e menos libre.
Xa comentamos como afectou a esta biblioteca o recorte de profesorado. Por esta razón, as actividades que desenvolvemos non irían avante sen a colaboración e implicación de moit@s compañeir@s (titorías, orientación, dirección...)  que sempre están aí para botar un cabo.  Así as cousas, e botando man do traballo de anos anteriores, conseguimos programar actividades para falar de PAZ e dos  DEREITOS. Esta é a nosa proposta:


  • "Pido a Paz e a palabra". Lecturas do club de lectura bibliarousa arredor deste tema. Entre moitas outras, velaquí unha mostra:
         ORIXE DO SÍMBOLO DA PAZ
 Deseñado polo artista británico Gerald Holtom en 1958 como emblema  dunha das meirandes marchas antinucleares da historia. En realidade,  é o logo de CND, Campaign for Nuclear Disarmament.
 O deseñador construíu o símbolo a partir das letras N (uclear) 
e D (isarmament) da linguaxe das bandeiras.



        Primeiro colleron aos comunistas, 
        e eu non dixen nada porque non era  
        comunista.

        Logo levaron aos xudeus, 
        e eu non dixen nada porque non era xudeu.

        Logo, viñeron buscar aos obreiros; 
        non dixen nada, porque non era obreiro nin 
        sindicalista.

        Máis tarde metéronse cos católicos, 
        e non dixen nada porque eu era protestante.

        Cando, finalmente, viñeron  por min, 
        xa non quedaba ninguén para protestar.

    Martin Niemüller (1892-1984) Pastor luterano.
     Foi un dos primeiros e máis tenaces críticos do
     nazismo.               


“Rapaces, coidado, loitamos moito  por conseguir o que tedes. Agora  tócavos a vós defendelo, mantelo e melloralo; non permitades que volo arrebaten”.

Prólogo de J. L. Sampedro en “Indignaos!”, de Stephane Hessel.  Este libro foi a orixe do movemento 15 M.



  • Exposición "Un mundo inxusto".Programada para os rapaces de 1º ESO xa que o resto do alumnado xa a visitara o ano pasado.

  • Película Cometas en el cielo. Programada para todo o centro con sesións de traballo. Paralelamente, un concurso de papaventos co lema "Voando en son de Paz".
.
















Tradución feminina de Homero


Pois así é. Así de feminina é esta versión que Begoña Caamaño fai de Circe e Penélope, as personaxes femininas que protagonizan Circe ou o pracer do azul. Moi lonxe das versións edulcoradas que nos mostran as diferentes interpretacións que se teñen feito a través da literatura ou do cine, esta obra ofrece a "outra lectura" que se pode facer das circunstancias e sentimentos que padecen as mulleres nun mundo de homes. Lémbranos aquel microrrelato de M. Denevi que comentamos no club de lectura:

Tradución feminina de Homero
Toda a Odisea, coas súas viaxes, os seus naufraxios, as súas sereas, as súas herbas máxicas, os seu animais míticos, os seus pazos misteriosos, as súas aventuras e desastres é, para Penélope, unha inútil e tediosa demora nos seus amores con Ulises. Mentres tanto Amdrómaca rosma: “Que o vello Homero conte a historia á súa maneira. Eu darei a miña versión. Eu, que a vivín. Eu, unha pobre muller infortunada. Primeiro, lembro, foi a prohibición de saír da cidade. Despois tiven que puír escudos, coser sandalias, fabricar frechas ata que as mans se me chagaron. Despois vendar feridas que sangraban e supuraban e enterrar os mortos. Despois escasearon os víveres e alimentabámonos de ratas e raíces. Despois perdín ao meu marido e aos meus fillos. Despois o exército invadiu a cidade e abusou de min e das miñas fillas. Por fin o vencedor fíxome a súa escrava”.       
                                                                                                                              Marco Denevi  

Despois    de comentarmos   este fermosísimo libro escollemos, como complemento, a película La Odisea. Comentarémola o martes, 10 de decembros ás 8.  Podedes vela completa en you tube: 




                                   

Charlie e a fábrica de chocolate

Rematamos a lectura de Ralatos escalofriantes e, para despedir este magnífico autor, pensamos que o mellor sería ilustrar algunha das súas obras con escenas de películas. Escollemos a película Charlie e a fábrica de chocolate. basada na obra homónima deste escritor. Se queredes ter "infansia" - como di Xián- non deixedes de vela e aquí estaremos o venres no recreo para comentala. Lembrade que esta será a última sesión do club Bibliarousa antes das vacacións e, xa que logo, faremos algo moi especial.
Quen atopará os billetes (moedas) dourados?



Cine, Amor e Poesía III

Como (case) todo o bo acaba, nesta sesión do noso club de lectura falamos dos amores que se acban, dos amores difíciles ou imposibles. Escollemos unha escena da película
"Un lugar no mundo" na que vai nacendo un amor entre os dous rapaciños protagonistas que se romperá por diferentes causas, entre elas as diferenzas sociais. Velaquí unha mostra desta fermosa película que, amais do amor, nos mostra outras realidades como a cobiza das grandes multinacionais, a xenerosidade e o traballo de moita xente, o amor a un lugar, a unha terra...
Na próxima sesión comentaremos os poemas e escolleremos un tema para as seguintes sesións.
Como isto vai de amor, aí van uns BICOS SALGADOS POLO MAR DA AROUSA!!!!!

Cine, Amor e Poesía II

Seguimos falando do Amor. Esta vez escollemos unha escena de Wall-e, o momento no que o robot agarda pacientemente a que a súa namorada, Eva, volva a ser a que era. Todo un exemplo de Amor.
Despois escoitamos a versión de Uxía de un dos poemas de Amor máis fermosos:
Eu en ti
e Moraima, de Celso Emilio Ferreiro.

Cine, Amor e Poesía

Comezamos unha nova andaina no club de lectura da man do Amor, o Cine e a Poesía.
Quixemos aproveitar a exposición do Amor que tivemos recentemente na biblioteca e tamén, celebrar o día da poesía facendo unha combinación de poemas e escenas de Amor. O risco de poñernos cursis é moi alto pero, como di Pessoa: "só as criaturas que nunca escribiron cartas de amor son as que son ridículas"
Iniciamos esta sesión cunha selección de poemas de Pablo Neruda, acompañados dunha escena de El Cartero de Pablo Neruda.
Ao longo das seguintes sesións ilustraremos os poemas seleccionados con escenas de películas que compartan o tema do Amor.
Esta é a escena que comentamos, iso si, en italiano:



ciencia ficción II



Seguimos co noso percorrido a través da ciencia ficción.
Despois de ler A sombra cazadora,
escollemos agora a antoloxía Los mejores relatos de ciencia ficción, de Ray Bradbury. Para a próxima sesión, comentaremos o relato El ruído de un trueno. Trata dunha viaxe á Prehistoria, cando a Terra aínda estaba habitada polos dinosauros. A caza dun destes exemplares cuestiona a importancia que pode ter un pequeno cambio na Natureza.

Recomendamos, tamén, a película Farenheit 451, basada na novela homónima de Ray Bradbury.