Mellorando...


Nun comezo de curso algo movido... queremos ir empezando a falar do que nos gusta e que nos une na nosa illa de libros aínda que, xa o sabemos, non son "bos tempos para a lírica".
A pesar de todo, concedéusenos por 2º ano o Plan de Mellora de Bibliotecas escolares, o que supón unha achega económica importante e tamén a participación en proxectos comúns na rede de bibliotecas de Galiza.
No club de lectura bibliarousa temos que ir pensando nas nosas lecturas de verán e nas propostas para este curso que vén. Nós xa temos varias ideas!!!
Bicos lectores

Adeus...

Posted by Picasa

Esta foi a última sesión deste curso do club de lectura bibliarousa. Rematamos a lectura de O achado do castro coa doce compaña do chocolate, o noso alimento fetiche. Foi un ano de cine, poesía, cómic, teatro... houbo de todo!!!!
Aquí vos esperamos tamén durante o verán porque a rede de bibliarousa non ten vacacións e, aos que nos gusta ler, estamos desexando ter tempo libre para ler todo o que non puidemos durante o ano. Facede os vosos comentarios e recomendacións.
Por certo, a biblioteca tamén presta libros durante o verán. Pasade por alí.

Marcos Nine e Ugia Pedreira pasaron por aquí



Marcos Nine, recoñecido guionista e documentalista, estivo con nós para falarnos de Carcamáns e presentarnos algún avance dos seus novos traballos.

Volvemos emocionarnos ao ver aos carcamáns na súa loita titánica contra o chapapote . Grazas, Marcos, polo teu traballo e polo teu ofrecemento para futuros proxectos.
Olga Nogueira repasou para nós a historia da música galega. Comezou a súa charla (apoiada con imaxe e son) falando das cantigas medievais e acabouna ofrecéndonos unha panorámica ben completa da nosa actualidade musical. O noso agradecemento vai tamén para ela.
Ugia Pedreira cantounos unha fermosa canción cos alumnos de 4º ESO.

Gustounos moito o traballo de todos os alumnos e alumnas! Pero que ben tocan!!!!!

E, como non, parabéns ás nosas pandereteiras (e pandereteiro)

Orgullosos do galego.

Un fermoso vídeo feito por alunado e profesorado do IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas:

Polo rius abaixus vai unha troitae de pé


Manolitus e Carmiñae están namorados,
O Emperador e Arpexia opóñense a este amor,
Uns ladróns ( un parvo e o outro tamén) quérenlle roubar o medallón ao Emperador...
Todo isto sucede na comedia de M. N Singala, O achado do castro , a obra de teatro que escollemos para rematar o curso. Risas aseguradas coa magníficae actuacionis dos nosus actóribus e actrízaes. Mola este latín macarrónico!!!




Letras Galegas 2010. O poeta do Courel

Seguramente estes son malos tempos para a lírica, son malos tempos para a nosa lingua que está en boca de todos aínda que non sempre para falar ben dela. Somos dos que pensamos que un día das Letras Galegas non significa nada se detrás non hai unha verdadeira vontade de querela, coidala e protexela. Seremos capaces de garantir as 1000 primaveiras máis das que falaba Cunqueiro?
Con todo, estes días de son unha boa escusa para coñecer algo máis das nosas letras.Velaquí unha escolma de poemas de Uxío Novoneyra, o poeta do Courel, o autor escollido para esta festa das Letras. Estes traballos chégannos a través da rede de bibliotecas escolares, neste caso dos institutos IES Pedra da Guía e do IES de Fene.




E nós, para que lemos?




Levamos un tempo dándolle voltas no instituto a esta pregunta e as respostas son interesantes e, moitas veces, sorprendentes. Como nos parece unha boa reflexión, decidimos facer esta pregunta por toda a Arousa. Lembramos que esta é unha iniciativa que xorde no Club de Lectura de Implicadas no Desenvolvemento e que foi secundada por moitas bibliotecas escolares. Deixade aquí as vosas respostas.
Retomo esta entrada para agradecerlle a Cruz, profesora do curso Celga na Arousa, a acollida desta proposta e por conseguir entusiasmar aos seus alumnos e alumnas que nos deixaron estas fermosas palabras. Moitas grazas por colaborar e por ser, como parece, tan bos lectores e lectoras.

Cine, Amor e Poesía III

Como (case) todo o bo acaba, nesta sesión do noso club de lectura falamos dos amores que se acban, dos amores difíciles ou imposibles. Escollemos unha escena da película
"Un lugar no mundo" na que vai nacendo un amor entre os dous rapaciños protagonistas que se romperá por diferentes causas, entre elas as diferenzas sociais. Velaquí unha mostra desta fermosa película que, amais do amor, nos mostra outras realidades como a cobiza das grandes multinacionais, a xenerosidade e o traballo de moita xente, o amor a un lugar, a unha terra...
Na próxima sesión comentaremos os poemas e escolleremos un tema para as seguintes sesións.
Como isto vai de amor, aí van uns BICOS SALGADOS POLO MAR DA AROUSA!!!!!

Día do Libro.


Esta vez, o Día do Libro cadrou en venres, polo que o noso Club de Leitura puido facer unha sesión especial.
Aproveitamos para convidar algunhas persoas que tiñan curiosidade por coñecernos e, por esta semana, deixamos de lado o tema do amor, e simplemente dialogamos en volta da pergunta que preside a nova exposición da Biblioteca: E TI, PARA QUE LES?.
Poidemos adozar as respostas cuns libros especiais: galletas e chocolate.

E ti para que les?


Este é o título da actividade que imos levar a cabo no instituto para celebrar o Día do Libro, máis ben a semana do libro. Trátase dunha iniciativa de IND
( Implicadas No Desenvolvemento) en colaboración con 103 bibliotecas escolares de Galicia.
Encheremos o centro con respostas a esta pregunta. Ti xa pensaches para que les?
Non valen respostas do tipo: para aprobar, para que non me berren na casa...
No club de lectura bibliarousa temos hoxe unha sesión especial Día do Libro

Velaquí a mostra dixital da exposición, enviado desde a rede de bibliotecas escolares.

Exposición Banda Deseñada

No IES Illa de Arousa levamos uns días traballando na exposición Banda Deseñada que nos cedeu o IES Rodeira de Cangas. Trátase dunha exposición moi interesante que fai un percorrido desde as primeiras manifestacións do que se pode considerar un cómic ata as máis modernas mostras deste xénero. Aprendemos como se deseña; relacionamos obras artísticas con Astérix; descubrimos fórmulas matemáticas con Superman...en fin, unha exposición que aproveitamos todos os cursos desde as diferentes materias. Os nosos parabéns e agradecemento ao instituto Rodeira porque este é un traballo ben, ben feito.

Cine, Amor e Poesía II

Seguimos falando do Amor. Esta vez escollemos unha escena de Wall-e, o momento no que o robot agarda pacientemente a que a súa namorada, Eva, volva a ser a que era. Todo un exemplo de Amor.
Despois escoitamos a versión de Uxía de un dos poemas de Amor máis fermosos:
Eu en ti
e Moraima, de Celso Emilio Ferreiro.

Cine, Amor e Poesía

Comezamos unha nova andaina no club de lectura da man do Amor, o Cine e a Poesía.
Quixemos aproveitar a exposición do Amor que tivemos recentemente na biblioteca e tamén, celebrar o día da poesía facendo unha combinación de poemas e escenas de Amor. O risco de poñernos cursis é moi alto pero, como di Pessoa: "só as criaturas que nunca escribiron cartas de amor son as que son ridículas"
Iniciamos esta sesión cunha selección de poemas de Pablo Neruda, acompañados dunha escena de El Cartero de Pablo Neruda.
Ao longo das seguintes sesións ilustraremos os poemas seleccionados con escenas de películas que compartan o tema do Amor.
Esta é a escena que comentamos, iso si, en italiano: