Tod@s á biblioteca


Durante estes días, todo o instituto pasa pola biblioteca para escoller o seu libro, a súa película, o seu cómic... É tempo de estar á quenturiña lendo, conversando sobre todos eses mundos que se agochan detrás dun bo libro ou unha boa película. Lembrade que, á volta das vacacións, falaremos de todo isto.
Avisos para os clubs de lectura:
- Club de lectura Bibliarousa: A seguinte lectura escollida será Os Simpsons. Podedes ir lendo algo e, por suposto, ver algún capítulo de animación para comentarmos á volta.

- Club de lectura Bibliarousa+: A obra escollida é Mutilada de Khady Koita e tamén comentaremos a película Muladé de Ousmane Sembene. a xuntanza será o martes, 24 de xaneiro, ás 20 h. na biblioteca.

Charlie e a fábrica de chocolate

Rematamos a lectura de Ralatos escalofriantes e, para despedir este magnífico autor, pensamos que o mellor sería ilustrar algunha das súas obras con escenas de películas. Escollemos a película Charlie e a fábrica de chocolate. basada na obra homónima deste escritor. Se queredes ter "infansia" - como di Xián- non deixedes de vela e aquí estaremos o venres no recreo para comentala. Lembrade que esta será a última sesión do club Bibliarousa antes das vacacións e, xa que logo, faremos algo moi especial.
Quen atopará os billetes (moedas) dourados?



También la LLuvia


O martes pasado tivemos unha nova sesión do Club de Lectura Bibliarousa+.
Nesta ocasión os deberes que quedáramos en facer non eran de lectura, senón de visión: ver a película TAMBIÉN LA LLUVIA, de ICIAR BOLLAÍN.

Xuntámonos para comentar a peli en xeral e voltar a ver algunhas escenas en particular. Todas gostamos do filme. A todas nos namorou ese xogo de facer cine dentro do cine dentro do cine. A todos nos atraparon eses saltos do pasado ao presente á ficción á realidade da rúa ao decorado.

Comentamos unha das primeiras escenas, na que os actores ensaian a chegada de Colombo ás Indias. A grande interpretación de Karra Elejalde. O xogo das olladas: os indíxenas son do século XV ou do XXI?.

Comentamos a escena do soborno na Comisaría: Faríamos nós o mesmo? É correcta a decisión dos protagonistas? Falamos da dificultade de saber como somos en realidade, até viver situacións extremas.

De aí derivamos ao papel da muller de Miguel, o protagonista indíxena, ao papel das mulleres en Latinoamérica, ao papel das mulleres no mundo... e así foi como escollemos tema para a próxima sesión, que como nos pilla despois do Nadal, xuntará película e libro.

Ademais, para completar a película, repartimos esta antoloxía de textos do libro de historia Memoria del Fuego: Los Nacimientos, de Eduardo Galeano:



Arrepiantes


Así son os Relatos escalofriantes de Roald Dahl: sorprendentes, engaiolantes, arrepiantes... Seguimos "enganchad@s" con estes contos fermosísimos que nos fan reflexionar sobre moitos aspectos da natureza humana: a cobiza, a vinganza, o engano... Creo que tod@s maduramos un pouquiño máis despois de ler a este escritor extraordinario. Recomendamos, tamén, outra obra súa magnífica: Relatos de lo inesperado



SAMAÍN 2011


Alma from Rodrigo Blaas on Vimeo.
Peta na porta o Samaín e nós, coma sempre, deixámolo entrar. Este ano tráenos
  • Unha exposición na biblioteca de libros e películas de terror
  • Escolma de relatos de terror para ler e compartir. Se queres seguir lendo, pasa pola biblioteca.
  • Sesións de lectura escalofriantes no club de lectura
  • Cabazas extraordinarias, realizadas en colaboración co voluntariado do horto. Mirade:



« Os difuntos falaban castelao » (9.13 min.)





Por se non podes participar nestas actividades, velaquí unha guía de recursos e unha escolma de videos arrepiantes que nos chega a través da rede de bibliotecas escolares.

Club de Lectura Bibliarousa+

Bota a andar unha nova edición do Club de Lectura dirixido a persoas adultas.

Como combinamos no pasado mes de Xuño, na nosa primeira xuntanza comentaremos as nosas lecturas de verán: se foron moitas, poucas, de libros gordos, pequenos, raros, se gostamos deste, se nunca recomendaríamos aquel, se me decepcionou aqueloutro, se levei unha sorpresa onde menos a agardaba...

Probablemente desa conversa sairá a primeira proposta de lectura para este outono, que por fin parece que chega.

Lembrade que o Club está aberto a todas as persoas que non sexades alumnas do IES Illa de Arousa. Tanto ten se tedes fillos, sobriñas, netas ou sogras no centro. Abonda con que gostedes da lectura e de compartir ese gosto.

Vémonos o martes 25 de Outubro, ás 20.00 horas, na Biblioteca do IES Illa de Arousa.

2º PREMIO OUFF ESCOLA PARA O NOSO IES

O video O xefe Seattle: selvaxe? elaborado polos alumn@s de 4º ESO do ano pasado, resultou gañador do 2º premio no Festival de Cine OUFF Escola de Ourense. Este traballo estaba incluído dentro do Proxecto América, coordenado pola biblioteca deste centro durante o curso pasado. PARABÉNS a tod@s os alumn@s e a Sonia, a directora desta curta.
Novas coma esta fan que este centro sexa coñecido, tamén, polo noso traballo e non só polas xustas e merecidas reivindicacións. Este é o Ensino que queremos!!!

O xefe Seattle: salvaxe? from Ourense Film Festival on Vimeo.

Benvid@s


Por fin, botamos a andar. Despois de moitas dificultades, comezamos as clases e, xa que logo, a nosa biblioteca volve abrir as portas para tod@s @s usuari@s da biblio.
Comezamos xa as actividades do club de lectura Bibliarousa, falando das posibles lecturas para este curso. Unha vez máis, o misterio e o terror parecen ser os temas preferidos para comezar o curso. Escollemos Relatos escalofriantes, de Roald Dahl, un autor ben coñecido por todos nós xa que Quen non viu a película Charlie e a fábrica de chocolate ou non leu Matilda ou As Bruxas? Parece que este autor vén sendo un dos preferidos. Esperemos que tamén gocemos destes Relatos escalofriantes. Escollemos para a primeira sesión o relato "Tatuaje". Vémonos, coma sempre, os venres no recreo.

Facer as Américas IV


O último día de curso organizamos unha festa que é o resultado do traballo organizado pola biblioteca arredor do tema de América, o proxecto que escollemos este ano. Cada departamento organizou diversas actividades relacionadas coa súa materia que se foron desenvolvendo durante todo o curso.Velaquí unha pequena mostra:

- Proxeccións

También la lluvia




Quiero ser tortilla



Mercedes Sosa. Canción para un niño de la calle 13



Tamén vimos o video elaborado pol@s alumn@s de 4º ESO O gran xefe Seattle: salvaxe?


Seguimos coas actividades

Facer as Américas III

- Linguas de América




Facer as Américas II

Trivial de América




- Roteiros literarios, botánicos e zoolóxicos





Facer as Américas I

-A emigración na literatura galega















- Mitoloxía americana no Kamishibai













- Xogos

















- A Seneira da poesía




-Culturas precolombinas
























-Música, moita música


Despedida Bibliarousa +


Na última sesión, por este curso, do club de lectura Bibliarousa + paladeamos a obra "Como agua para chocolate" entre bocado e bocado de riquísimo chocolate. Como non podía ser doutra maneira, os temas da comida e do amor foron adobiando os nosos comentarios ao tempo que cociñamos, a lume lento, moitas referencias ao papel da muller , á situación política dos países latinoamericanos, á colonización... E, como guinda, un bocadiño da película: a escena famosa da teoría dos "cerillos".
Acordamos poñernos a dieta este verán: comidas de cine, farturas de libros... Todo isto para volver en setembro con moita ansia e devecendo por seguir devorando libros. Bo proveito!!!

En defensa das nosas bibliotecas


A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Salvando libros


Despois de varias sesións de traballo, xa está en marcha a nosa exposición "Salvando libros".
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.

Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Esta foi a nosa particular maneira de celebrar o Día das Letra Galegas, que este ano tiveron como protagonista, amais de Lois Pereiro, a moitísim@s escritores, salvados grazas á colaboración de
96 bibliotecas que participaron neste fermosísimo proxecto.

Queremos dar moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.




ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:

Ler, comer, amar


Na última sesión deste club de lectura bibliarousa+ acordamos que, amais de falar da obra proposta, "O amor nos tempos do cólera", ben podiamos combinar os nosos comentarios con bocadiños de deliciosas sobremesas. Na sesión adicada a "Otra idea de Galicia", foi Andrés quen nos sorprendeu coa súa torta de mazá e, nesta ocasión, foi Alberta a que elaborou unha riquísima torta de queixo. Debeu ser o regusto que nos quedou desa merenda literaria o que decidiu a próxima lectura:
"Como agua para chocolate", de Laura Esquivel. Esta novela ambiéntase no México de principios do s. XX e fálanos dos amores contrariados de Tita e Pedro. A comida vaise converter na metáfora dese amor imposible.
Esta obra conta cunha versión cinematográfica tan extraordinaria coma a literaria e por iso faremos un comentario das escenas máis significativas da película.
Xa sabes: se entre as túas paixóns están ler, comer ou amar, vén á nosa biblioteca o martes, 14 de xuño á 8h.

Que libro salvarías ti?


(Cartaz de Carme Loureiro)


Se se queimasen todos os libros ,
se desaparecese toda a nosa cultura escrita,
se non puidésemos nunca máis ler un libro na nosa lingua...

QUE LIBRO SALVARÍAS TI?

De momento, isto é ficción pero por se isto chegase a pasar, nós propoñemos que cada un escolla un libro do que gustase e que transcribamos aquí un anaquiño. Por exemplo:

EU SALVARÍA:
"Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical silvestre."
"Que me queres, Amor?" de M. Rivas

PORQUE:
Porque me gustan as cereixas, porque me gusta o verán, porque me gustan…os bicos!
Creo que este é un libro que merece ser salvado porque nel podemos atopar, amais de fermosos bicos, outras historias apaixonantes como “A lingua das bolboretas”.


Fe Souto

Esta é unha iniciativa da rede de bibliotecas escolares de Galiza na que está incluída a nosa biblioteca. Nesta primeira fase da actividade, cada alumn@ escolle o seu libro; logo, escolleremos un libro por curso; despois, por nivel e, ao final, un por centro.

Amor nos tempos do cólera


Tivemos sesión do Club de Lectura bibliarousa+. Falamos da obra de Miguel Anxo Murado Otra idea de Galicia mentres recorríamos o mapa de Domingo Fontán e merendamos un riquísimo flan de mazá.
E escollemos a próxima lectura: para o próximo 26 de Abril propomos traer feita a lectura de El amor en los tiempos del cólera, de Gabriel García Márquez. Recorre esta novela unha apaixonada e acidentada historia de amor, que durante anos semella de imposíbel resolución.

Agardámosvos para comentar a obra áquelas persoas que gustedes de García Márquez, ás que gocedes coas novelas que encerran triángulos amorosos, as que vos divirtan historias de amores contrariados ou ás que simplemente queirades escoitar e opinar sobre unha lectura.

Aínda que a nosa opinión é que neste caso a versión cinematográfica desmerece a literaria, aquí tedes un fragmento da película para collerlle ganas ao libro:

Feminino plural

Por culpa de Entroido chegamos un pouco tarde á celebración do día da muller.
Cantos días da muller hai no ano?
Cantos días máis hai que celebrar para chegar a unha igualdade?
Cantas mulleres precisan un día d?
Levamos varias sesións no club de lectura falando xustamente de mulleres, feminismo... Na biblioteca temos unha exposición de mulleres na arte e outras actividades das que vos iremos informando... Para comezar, este traballo de Iolanda, unha muller moi, moi traballadora


Para completar a información, visitade un dos nosos blogs de referencia,
trafegando ronseis, no que se fai unha recompilación sobre as distintas actividades arredor deste tema que se mostran nas bibliotecas escolares. Escollemos este magnífico traballo do IES Sampaio


Aproveitando o Proxecto América, e enlazando co tema da muller, decidimos a seguinte lectura: A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre.



Como sesión de transición, fixemos unha actividade de "lectura de imaxes"


mirando o mundo coas nosas gafas violeta

No noso club de lectura seguimos comentando o libro "El diario violeta de Carlota" onde aparece, entre moitos outros, o tema da publicidade sexista que nós ilustramos con fotos de anuncios publicitarios ben coñecidos: Axe, Dolce & Gabana, Barceló... Para completar este tema, velaquí unha mostra da relación entre este tipo de publicidade e a violencia de xénero:

"Otra idea de Galicia"


Botamos a andar o noso club de lectura de adultos bibliarousa+ co comentario da novela "Afirma Pereira". Falamos da soidade, do fascismo, de censura, de literatura, de cine... Vaia, unha sesión ben, ben aproveitada.
Houbo varias propostas de lectura para a seguinte sesión e, ao final, escollemos
"Otra idea de Galicia" de M. A. Murado, un ensaio moi interesante sobre como somos os galegos; por que somos como somos... O autor vai desfacendo moitos dos tópicos sobre esta terra e apuntando moitas ideas para o debate. Se queredes falar de todo isto, aquí estaremos o martes, 22 de marzo ás 8, na biblioteca do instituto


Xornais do mundo



Un ano máis, despois do seu percorrido por moitos institutos de Galicia, temos de volta a nosa exposición Xornais do mundo.

Esta exposición pretende mostrar os distintos alfabetos do mundo xa que conta con exemplares en linguas moi diferentes: chinés, xaponés, tamil, grego, ruso, árabe...

Tamén mostra información sobre estes alfabetos e curiosidades como a orixe da letra @

Durante esta semana visitárona todos os cursos e creo que todos saben un pouquiño máis sobre as linguas do mundo, ata sabemos escribir o noso nome en chinés ou árabe!!!

Queremos aproveitar para agradecer a colaboración de todos os institutos polos que pasou que foron enriquecendo a colección e completándoa coa tradución dalgunhas portadas. Por certo, hai por aí alguén que nos axude a traducir xaponés ou chinés? Sería unha boa aportación a esta exposición.

Máis amores

Para que continuedes a inspirarvos...

Para que vos inspiredes neste percorrido pola Historia da Arte a través dos bicos...
Se despois de ver isto non somos capaces de escribir unha mensaxe de AMOR...

SMS Amor


Podes namorar a alguén a distancia?
O amor é cuestión de fermoss palabras?

Que mensaxe de Amor che gustaría recibir?

Se estás namorad@ escribe a túa mensaxe de Amor segundo as bases que figuran no concurso:
Tema: O AMOR
Límite: 100 caracteres
Prazo: ata o 14 de febreiro
Entrega: biblioteca

bibliarousa+

Despois de varios intentos, botamos a andar o novo club de lectura para adultos que se vai chamar BIBLIAROUSA+ Queremos compartir esta iniciativa con tod@s @s lector@s que se animen a comentar un libro unha vez ao mes, na biblioteca do IES Illa de Arousa.
Para a seguinte sesión, martes, 22 de febreiro escollemos Sostiene Pereira, de Antonio Tabucchi
A película co mesmo título tamén nos parece moi interesante, aquí tedes unha mostra:

As nosas gafas violeta


Como podedes VER, na ultima sesión do club de lectura fixemos as nosas gafas violeta coa intención de mirar o mundo a través delas, é dicir, observar condutas machistas, actitudes de homes e mulleres que non respectan o espazo e os dereitos da muller. Xa vos contaremos!!!

O diario violeta de Carlota


Este é o novo libro que escollemos para comentar no noso club de lectura.
A protagonista desta historia é Carlota, unha rapaza que acaba de cumprir 14 anos e a súa avoa regálalle un diario.
  • Quen decidiu que, en asuntos amorosos, os rapaces teñan que tomar a iniciativa?
  • Por que a cor azul ten que ser a cor dos rapaces e a rosa, a das rapazas?
  • Por que está mal visto que choren os homes?
  • Por que é máis importante o aspecto físico das rapazas que o dos rapaces?
Carlota descobre tamén as cifras arrepiantes: o 70% dos pobres da Terra son mulleres, o 65% dos analfabetos da Terra son mulleres…
En todo isto vai pensando Carlorta mentras comeza a mirar o mundo coas súas gafas cor violeta.

Boas novas!!!!




O noso club de lectura foi incluido, un ano máis, na rede de bibliotecas escolares. Isto supón unha achega económica importante que nos permitirá seguir coas nosas actividades pero mellorando os medios, por exemplo, poder dispoñer de exemplares para cada lector.
Como esta actividade nos parece interesante e divertida, decidimos ampliar fronteiras e propoñer a constitución dun club de lectura para os pais e nais que se animen . Para falar deste tema, agardámosvos o martes, 18 de xaneiro ás 8 h., no instituto. Trataremos das lecturas ou películas que nos poidan interesar, das datas de reunión...

Facer as Américas


Durante este curso, traballaremos o proxecto "Facer as Américas". Trátase dun proxecto interdisciplinar no que están implicados todos os departamentos e, por suposto, todo o alumnado. Para saber algo máis , entra no blog "Facer as Américas". http://www.illaexpoamerica.blogspot.com/