Xela é arte

 Xela Arias, a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, é obxecto do noso concurso. Queres participar? Escolle algúns dos seus versos e deseña para eles un debuxo que poderás estampar nunha camisola ou nunha bolsa de tea, para que todos na Arousa coñezan a súa obra e e xa de paso, tamén a túa!




Lectura "A crueldade de abril"

 Estreámonos na novela negra con Diego Ameixeiras. Atrevímonos con A crueldade de abril, de Diego Ameixeiras, seguindo as recomendacións de que non perde un libro deste autor.

É certo que non é unha lectura usual no noso Club de Lectura, pero hai que meterlle o dente a todo, e mergullarse nese ambiente sórdido a través dun libro é unha sensación case indescriptible. A historia fai que nos movamos entre a necesidade de vinganza e a xustiza, entre o perdón e a culpa. E aínda que pareza raro, mesmo chegamos a sentir certa empatía cara o personaxe de Gonzalo, que busca acougo. Descubrir a verdadeira Raquel fíxonos sentir carraxe e tamén sentimos certa pena polo seu irmán.

E como vedes, para superar o mal sabor de boca que deixan algunhas lecturas temos un bo remedio. O doce tamén funciona como menciña para a alma.

Na foto, as grandes Candela, Marta, Xoel e Jairo, que fan de Bibliarousa un lugar para gozar do camiño.




Día do libro en Bibliarousa

 Nunha biblioteca todos os días son especiais se hai libro e xente que goce con eles. Pero o 23 de abril é sen dúbida unha data sinalada pra nós, que nos gusta viaxar a través dos libros. 

Nesta ocasión realizamos varias actividades para festexar este día. Unha delas foi a de compartir os nosos volumes máis prezados (ou os menos) a través de montaxes multimedia, ou o que é o mesmo, en Tik Tok ou Reel. Se é que os libros se adaptan a todo!

Deixámosvos un par deles para que tomedes nota das recomendacións da nosa rapazada, porque eles e elas si que teñen criterio!







Viaxes rexistradas. O pasaporte lector non coñece de fronteiras

 

As nosas lectoras máis ávidas xa están completando o seu pasaporte lector. Algúns e algunhas xa van polo segundo! Xa vos avisamos de que ler crea adición...
Neste caso escolleron libros moi dispares, como Tristes armas, de Marina Mayoral, un clásico na literatura histórica en galego, ou La chica pájaro. Algunhas incluso se animaron co último de Miguel Anxo Prado, O pacto do letargo, que podedes atopar na Biblio. 
Se vós tamén completastes o voso pasaporte, vide recoller a agasallo á Biblio, e se aínda non o tedes, podedes conseguilo. É unha boa forma de recordar as vosas mellores viaxes sen moverse do asento!

Club de Lectura #Bibliarousa: A crueldade de Abril

 

Que mellor maneira de comezar o mes ca cunha boa lectura. Para iniciar o trimestre, mudamos de xénero e pasamos á novela negra da man de Diego Ameixeiras (non podía ser outro).

Se vos animades a unirvos á lectura, vide pola Biblio buscar un exemplar!

Nós xa estamos desexando comezar. 

Irémosvos contando as nosas impresións.


Club de Lectura 1º ESO: A balada dos unicornios

 

Estamos enganchadxs a Ledicia Costas, non o podemos disimular. E é que ningún dos seus libros nos deixa indiferentes, dende as marabillosas receitas de Escarlatina, a cociñeira defunta ata a astroloxía de O corazón de Xúpiter. 

Neste caso imos inclinarnos pola literatura fantástica e de ciencia ficción. Despois de ler O neno co pixama de raias, esta lectura hanos deixar mellor sabor de boca. Só co título xa nos dan ganas de ler sen parar, non si?

Estades a tempo de unirvos á lectura!

De invisibles a visibles. O Club de Lectura de 4º


Se preguntades sen pensar que é o mellor do Club de Lectura de Bibliarousa, seguramente o primeiro que vos dirán será "o chocolate!". Pero o mellor é sen dúbida o equipo que formamos. A lectura de Invisible, de Eloy Moreno, non nos deixou indiferentes. É unha historia dura pero que nos abre os ollos a realidades que todos vivimos, dende unha ou outra perspectiva.

Coincidimos en que é unha lectura que todxs deberían ler, desde alumnado a familias, pasando por profesorado ou calquera que queira achegarse á realidade de moitas mozas e mozos que viven unha situación complicada nunha contorna que debería ser segura.
Que nos fixo sentir? Emoción, rabia, carraxe, valentía... unha chea!!
Recomendámolo sen dúbida!
Agora, agardando a seguinte lectura!

 

8M. Celebrámolas a elas

 

Brita Tott, as Irmáns Bolboreta, Rosalía de Castro, Cleopatra, María Cardarelly... Non son só nomes, son mulleres que fixeron historia en distintos campos, pero a súa voz, a súa presenza, foi silenciada ou menosprezada polo simple feito de ser mulleres. Por iso, o alumnado do IES da Illa de Arousa quixo facerlles esta pequena homenaxe para que recordemos, nun día como o 8M o seu legado. Pioneiras que abriron un camiño que aínda non chegou á súa fin, pero que cada vez está máis preto!

Achegádevos á cortiza do corredor da primeira planta para ler as infografías e coñecer máis a fondo o seu legado, a súa loita, e facédea vosa tamén.

Tamén podedes atopar bibliografía de referencia na #Bibliarousa



O día de Rosalía celébrase si ou si!

O pasado 24 de febreiro celebramos no IES da Illa de Arousa o día de Rosalía, conmemorando así o aniversario do nacemento da nosa poeta máis celebrada.

Nesta data agasallamos a un ser querido cun libro e unha flor e nós non iamos ser menos. Preparamos uns fermosos marcapáxinas cos versos de Cantares gallegos e de Follas novas, e engadimos unha flor, das que xa comezan a agromar en febreiro, coas primeiros raios de sol antes da primavera.

E quedaron así de fermosos! Ollade que cantidade de artistas temos na Arousa!



 

Club de lectura III. Fagámonos visibles

 


O alumnado de 3º e 4º da ESO lerá no Club de Lectura Invisible, de Eloy Moreno. Unha novela que emociona e que nos fai reflexionar sobre as relacións sociais na adolescencia e a importancia de visiblizar as situación de acoso. 

Este é un libro que todos e todas deberiamos ler. Se non te anotaches, aínda está a tempo. Anímaste?

Non hai curso bo sen un bo equipo!

Comeza o ano en con el novos retos lectores. Unha páxina en branco para encher con listaxes de libros. Neste caso imos con o O neno co pixama de raias, de John Boyne. E a tradución ao galego, por suposto! O certo é que este libro nunca defrauda. Sabedes que o seu autor o escribiu en nada menos que DOUS DÍAS!!! Iso foi algo que aprendimos hoxe, e o que nos queda. Aproveitamos para ver algún fragmento da película, que leva o mesmo nome, e así poder poñerlle cara aos dous protagonistas da novela, aínda que, como xa sabedes, os libros son mellores porque a nosa imaxinación vai sempre máis aló de calquera imaxe. Quen máis leu este libro? Ou decantástesvos antes pola versión cinematográfica? Cal é o voso personaxe preferido? E o máis odiado? Se non o lestes, estas cinco mozas reconméndavolo sen dúbidas!

Club de lectura #Bibliarousa

 




O ano arranca cargadiño de novas vibracións. Parece que se ve un raíño de luz ao fondo do túnel, non si? E mentres agardamos e esa nova vida, nós que facemos? Ler, que é o que se nos dá ben.

Arrincamos o ano co Club de lectura Bibliarousa. Os membros máis destacados escolleron o libro, O neno co pixama a raias", unha edición en galego do libro publicado por John Boyne que narra a historia de Bruno, un neno alemán que se muda a unha casa preto dunha reixa. 

O autor recomenda non estragar a lectura lendo a contraportada. Sumerxiremonos  logo na súa lectura e descubriremos os segredos desta novela sobre a II Guerra Mundial da que temos tamén a versión cinematográfica.

Estamos convencidxs da que non nos deixará indiferentes. Imos aló!