miércoles, 6 de abril de 2011

Que libro salvarías ti?


(Cartaz de Carme Loureiro)


Se se queimasen todos os libros ,
se desaparecese toda a nosa cultura escrita,
se non puidésemos nunca máis ler un libro na nosa lingua...

QUE LIBRO SALVARÍAS TI?

De momento, isto é ficción pero por se isto chegase a pasar, nós propoñemos que cada un escolla un libro do que gustase e que transcribamos aquí un anaquiño. Por exemplo:

EU SALVARÍA:
"Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical silvestre."
"Que me queres, Amor?" de M. Rivas

PORQUE:
Porque me gustan as cereixas, porque me gusta o verán, porque me gustan…os bicos!
Creo que este é un libro que merece ser salvado porque nel podemos atopar, amais de fermosos bicos, outras historias apaixonantes como “A lingua das bolboretas”.


Fe Souto

Esta é unha iniciativa da rede de bibliotecas escolares de Galiza na que está incluída a nosa biblioteca. Nesta primeira fase da actividade, cada alumn@ escolle o seu libro; logo, escolleremos un libro por curso; despois, por nivel e, ao final, un por centro.

Amor nos tempos do cólera


Tivemos sesión do Club de Lectura bibliarousa+. Falamos da obra de Miguel Anxo Murado Otra idea de Galicia mentres recorríamos o mapa de Domingo Fontán e merendamos un riquísimo flan de mazá.
E escollemos a próxima lectura: para o próximo 26 de Abril propomos traer feita a lectura de El amor en los tiempos del cólera, de Gabriel García Márquez. Recorre esta novela unha apaixonada e acidentada historia de amor, que durante anos semella de imposíbel resolución.

Agardámosvos para comentar a obra áquelas persoas que gustedes de García Márquez, ás que gocedes coas novelas que encerran triángulos amorosos, as que vos divirtan historias de amores contrariados ou ás que simplemente queirades escoitar e opinar sobre unha lectura.

Aínda que a nosa opinión é que neste caso a versión cinematográfica desmerece a literaria, aquí tedes un fragmento da película para collerlle ganas ao libro: