A revolta dos mouses



O noso agasallo de Nadal!!!
O mundo dos trebellos de papelería é feliz e cheo de cor: os lapiceiros, ceras, pinceis etc. debuxan despreocupados paisaxes de ríos, prados e frores cando de súpeto o chan ponse a tremer e no horizonte enxérgase unha xigantesca e pavorosa mancha gris que converte en liñas e números todo o que atopa ó seu paso: son os ratos de ordenador, e ameazan con destruír o mundo figurativo.
Director:David Alejandro Gen

BiblioNadal: para toda a familia (1).



NESSMANN, Philippe: Todas las respuestas a las preguntas que nunca has hecho. Faktoría K de libros. 2009

Un libro para saciar a curiosidade dos lectores máis inquedos, persoas interesadas no que, como, cando, onde e por que do que nos rodea.
Unha obra que aborda sete grandes áreas de coñecemento, con solucións ás preguntas máis inesperadas
.

Destaca pola súa presentación, a modo de cuaderniño, e a estructura narrativa, de xeito que ao final de cada resposta engádese unha nova cuestión relacionada co tema tratado, ampliando os coñecementos recén adquiridos.

Unha crítica para que saibades outras opinións.

VILLAR, Domingo: A Praia dos afogados. Ed. Galaxia

Despois do éxito de Ollos de auga, con máis de 10.000 exemplares vendidos, Domingo Villar preséntanos A praia dos afogados, unha apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.

Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.

Para saber máis sobre el, unha crítica dunha alumna de ESO, e un artigo no El País.




SIERRA I FABRA: Kafka y la muñeca viajera. Ed. Siruela.

O escritor barcelonés Jordi Sierra i Fabra hgañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido polo Ministerio de Cultura, con esta obra publicada por Siruela que recrea un episodio real da vida do escritor checo, un encontro entre Kafka e unha nena que chora por ter perdido a súa boneca.

Un año antes de su muerte, Franz Kafka vivió una experiencia muy insólita. Paseando por el parque Steglitz, en Berlín, encontró a una niña llorando desconsolada: había perdido su muñeca. Para calmar a la pequeña, el autor de La metamorfosis se inventó una peculiar historia: la muñeca no se había perdido, se había ido de viaje, y él, convertido en cartero de muñecas, tenía una carta que le llevaría al día siguiente al parque. Aquella noche Franz escribió la primera de las muchas cartas que, durante tres semanas, entregó a la niña puntualmente, narrando las peripecias de la extraordinaria muñeca desde todos los rincones del mundo. Según cuenta Dora Dymant, su compañera en aquellos días, el estado febril con el que Kafka escribía esas cartas era comparable al de cualquiera de sus inmortales obras. Éste es el relato de aquella experiencia, en la que Franz Kafka fue un mago de la palabra para una niña desconocida de la que jamás volvió a saberse nada, como tampoco de aquellas cartas que constituyen uno de los misterios más hermosos de la narrativa del siglo XX.

Unha crítica para que vos animedes a ler.

A maxia de Idhún






Durante estas sesións fomos comentando Memorias de Idhún II. Como era un "tochazo" e, ademais, tivemos que esperar polos lectores de 1º que aínda non leran a primeira parte, fomos animando a lectura coas seguintes actividades:


-unha "porra", apostando sobre o que ía pasar...

- xogo de cartas con distintos obxectos máxicos

Terror na Biblioteca 2

E aproveitando o costume de decorar cabazas, pedímoslle ao alumnado do centro que trouxese calacús decorados terroríficamente. Teñen toda esta semana para facelo, porén xa chegaron os primeiros exemplares, que acompañan a exposición de libros. Destes calacús poden sair grandes historias:

Un calacú renal. Terror con Papá Noel.


Un calacú momia. Medo nas Pirámides.


Un calacú meiga chuchona. Apócema na Arousa.


Un calacú fantasmal. O paiaso do medo.


Un calacú demoníaco. Inferno de Chufre.


E seguirán chegando máis!

Terror na Biblioteca 1

Como este fin de semana cadraron dúas terroríficas celebracións, o Halloween e o Samaín; ás que ademais se lle xunta o día de defuntos, na Biblioteca organizamos unha pequena exposición de fondos (libros e películas) centrada no tema do terror e o misterio. E como estabamos animados, tentamos ambientala para que asustase aos lectores e lectoras:


Gatos negros de Allan Poe e vampiros chupasangues guían o camiño cara a Biblioteca.


Na entrada, un concurso para adiviñar personaxes de terror.


No interior, un túnel asustador leva aos libros.

CÓLLEO, SE TE ATREVES

Despois de ler os microrrelatos, xa decidimos a seguinte lectura: Memorias de Idhín II La Tríada. O curso pasado comezamos con Memorias de Idhún I. La Resistencia.

Na próxima sesión repasaremos a historia da 1ª parte e faremos unha porra para ir adiviñando que vai pasar. Así dános tempo a ir lendo as 700 páxinas. Vémonos o venres no recreo.

Xa estamos de volta!!!





Que tal foi ese verán?

Lestes moito?

Tedes ganas de falar das vosas lecturas e de pasalo ben na biblioteca?

Pois xa estamos aquí. A biblioteca abre o mércores, 30 de setembro con equipos informáticos novos!!
O club de lectura, o venres, 2 de outubro.
Un saúdo para os alumnos do ano pasado: nós tamén vos botamos de menos e acordarémonos todos os venres. Un bico salgado polo mar da Arousa a todos e a todas!!!!

Coma os seixos do Bao


Coma as pedriñas da praia, así son os microrrelatos: breves, intensos, únicos...

Ao ler PARTO, por que nos sorprendemos? Fai trampa o autor?

Plan Mellora de Bibliotecas Escolares




















O noso centro foi seleccionado no Plan Mellora de Biliotecas Escolares para o curso 2009-2010. A participación neste proxecto suporá unha importante dotación económica que terá como destino a renovación de fondos e a adquisición de mobiliario e equipos informáticos. Todo isto ten por finalidade facer da nosa biblioteca un espazo acolledor para a lectura e interesante para a aprendizaxe.
Xa sabedes que podedes levar libros para ler no verán. Boas vacacións!!!!

Despedida ?


Despois de facer unha valoración de todo o curso, de comer chocolate (o noso alimento fetiche) e de despedir como se merecen aos que se nos van...
Por que non seguimos participando coas nosas lecturas a través de xuntanzas virtuais?

Benedetti no club de lectura


Ninguén mellor que Benedetti para comezar este ciclo de microrrelatos. Este escritor morreu o pasado 17 de maio e, desde o club de lectura queremos renderlle unha merecida homenaxe. Na próxima sesión leremos microrrelatos e poemas deste autor. Velaí vai unha pequena mostra, adicada a todos os habitantes da illa máis illa de todas as illas.

Isla

Cada ser humano es una isla. En el mejor de los casos,
pertenece a un archipiélago. Aún así, cada isla es distinta de las otras.
Algunas son fértiles, pródigas, ubérrimas.
Otras son áridas, magras, resecas.
Cada ser humano es una isla, donde sólo convive con su conciencia y en ocasiones con un lago quieto que le informa sobre
qué rasgos asume su rostro de náufrago.
Cuando el ser humano se aburre de su soledad,
entonces se comunica con otra u otras islas, a nado, o en balsa,
en lanchas o en canoas. Y en la otra isla conoce a otros náufragos
y también a otras náufragas y a veces se enamora.
El amor une a las islas como una corriente.
A veces dos islas copulan y nace un islote.

Microrrelatos no club de lectura


Acabamos o ciclo de ciencia ficción partindo deste suposto: se a especie humana desaparecese da Terra, que tipo de obxectos poderiamos deixar como testemuño da nosa cultura? Entre todos fomos propoñendo diferentes elementos que nos caracterizan, que nos definen como humanos, tales como: un reloxo, un ordenador,un libro de Historia, restos vexetais e animais...
Despois de facer estas reflexións, vimos dúas escenas da película Farenheit 451 e falamos do que significaría unha sociedade na que non houbese o dereito de ler..
Propoñemos para a próxima sesión do club de lectura, comezar con microRRELATOS,un formato breve de lectura intensa. Vémonos, coma sempre, o venres no recreo.

libros



Despois de ver estas fotos, decídenos se credes que é suficiente un día do libro ou precisariamos de varias vidas para poder ler e comentar a cantidade de boas historias andan por aí...

Ciencia ficción: Delivery

Xa que no Club de Lectura andamos a voltas coa ciencia ficción, recomendámosvos esta curtametraxe de animación, onde ademais son tratados o medio-ambiente e o poder humano para modificalo, como nese Efecto Bolbolreta do que falamos o venres. Leva por título Delivery (Envío Postal) e o seu autor é Till Nowak.



vía Capítulo 0.

Ciencia Ficción III



Despois de ler El ruido de un trueno, da antoloxía Los mejores relatos de ciencia ficción, seguimos con Deserción de Clifford D. Simak e Lección de Historia, de Arthur C. Clarke.
  • Deserción. Un astronauta e o seu can son enviados ao planeta Xúpiter para averiguar por que non voltou ningún explorador das anteriores expedicións.

  • Lección de Historia. A humanidade extinguiuse por mor dunha poderosa Era Glaciar. Unha nave pilotada por extraterrestres tenta interpretar a orixe da raza humana e o seu destino final.
Vémonos o venres, día 17 de abril, no recreo.

Linguas


Xa comentamos a nosa intención de ir configurando este blog en distintas linguas para facer posible a idea de que cantas máis linguas falemos, mellor nos entenderemos". Tócalle agora ao italiano que, por ser unha lingua románica, resúltanos moi familiar. Ciao

ciencia ficción II



Seguimos co noso percorrido a través da ciencia ficción.
Despois de ler A sombra cazadora,
escollemos agora a antoloxía Los mejores relatos de ciencia ficción, de Ray Bradbury. Para a próxima sesión, comentaremos o relato El ruído de un trueno. Trata dunha viaxe á Prehistoria, cando a Terra aínda estaba habitada polos dinosauros. A caza dun destes exemplares cuestiona a importancia que pode ter un pequeno cambio na Natureza.

Recomendamos, tamén, a película Farenheit 451, basada na novela homónima de Ray Bradbury.

O Fío de Ariadne




Aproveitando o mito do Minotauro que aparece n'A Sombra Cazadora, no Club de Lectura xogamos con fíos, enleados por toda a biblioteca, que nos levaban ás distintas pantallas que están presentes nas nosas vidas: a da televisión, a do móbil, a da webcam, a das cámaras fotográficas e a das cámaras de vídeo.

A sombra cazadora (II)

A banda sonora d´A sombra cazadora:

"E que é dos nenos que escapan da casa?", Tom Waits:


"Vexo erguerse a mala lúa, vexo unha ameaza no camiño", Credence Clearwater Revival:



"Repara ben, é outro día para ti e para min no Paraíso". Phil Collins:



" Non chores, irmá, que mañá é outro día", J J Cale:

Un Amor de biblioteca




Un ano máis, a biblioteca expón unha escolma de textos relacionados co amor: desde os poemas de Catulo ata Celso Emilio, pasando por Benedetti e Rosa Aneiros. Tamén podes consultar os libros e películas relacionados con este tema que se mostran na biblioteca.
Se estás namorad@ ven á biblioteca. Se non estás, tamén.


Mochilas viaxeiras



A mochila viaxeira é un proxecto da biblioteca IES Illa de Arousa que ten por finalidade achegar ao alumnado e ás familias diferentes obras dos nosos fondos.

O contido está adaptado ao nivel d@s alumn@s e integrado na programación das distintas materias.

Comezamos esta actividade no nivel de 1º ESO, coa intención de que vaian rulando de curso en curso e de man en man.


O que tes nas túas mans é un material que debes coidar e devolver no prazo indicado pero, ante todo, úsao e aprovéitao.


Ciencia ficción



O club de lectura bibliarousa comeza un novo ciclo temático, a ciencia ficción.
A ciencia ficción nace como xénero literario arrredor de 1920 e foi aproveitado con moito éxito polo xénero cinematográfico. Trata sobre o impacto que producen os avances científicos, tecnolóxicos, sociais e culturais na sociedade ou no individuo.

Iniciamos as nosas lecturas con A sombra cazadora de Suso de Toro.
Velaquí as nosas recomendacións de películas e relatos que xiran arredor deste tema:

-películas
-relatos

O cazador de trolls (II)


Un regalo de Luis Davila, humorista com sección diaria no Faro de Vigo, que ten moito sentido para todas as persoas que vimos de ler O Cazador de Trolls.

O cazador de trolls


Carballo Agarimoso e Vento Morno lévannos a unha espesa fraga chea de aventuras nas que as bestas parecen humanos e os humanos compórtanse coma auténticas bestas.
Se queres acompañarnos nesta descoberta da natureza, le este libro( O cazador de trolls, de Luís Seixido) e vai buscando un nome semellante aos dos trolls como contrasinal para a próxima sesión do club de lectura.