5º aniversario Bibliarousa


 Xa van cinco anos desde que botamos a andar o Club de lectura Bibliarousa. Desde aquela primeira lectura de Harry Potter ata as últimas, foron moitos os libros, películas, monográficos... e moit@s os alumnos e alumnas que pasaron por aquí! Medramos ano a ano ata chegar ao que temos hoxe:
 -Bibliarousa 1 (1º e 2º ESO)
 -Bibliarousa 2 (3º e 4º ESO)
 -Bibliarousa + (adultos)
Como non podía ser doutra maneira, festexamos este aniversario saboreando unha torta de queixo e facendo un repaso de todas as actividades que recollemos nesta presentación: Queremos, tamén, mostrar algunha das actividades que estamos a facer no club de lectura de adultos. Temos a fortuna de contar entre os participantes con alumnas que pasaron por aquí hai anos e que "recuncaron" no club de lectura. Noelia, por exemplo, que está de lectora en Francia, agasallounos cunha sesión extraordinaria sobre a lectura Los niños de Elisabeth xa que visitou a maternidade de Elna e o museo do campo de refuxiados do sur de Francia, onde se ambientaba a novela. Moitas grazas, Noe.


Noe presentando "As voces baixas. Os nenos da retirada"

Recordatorio da visita





150 anos de Cantares


Ai das que levan na fronte unha estrela!
  Ai das que levan no bico un cantar!

 Así define Curros Enríquez a Rosalía de Castro, a escritora que queremos lembrar por cumprirse o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos.
Son moitos os traballos que nos chegan desde a rede de bibliotecas escolares para conmemorar este día. Velaquí unha escolma:

- desde a Asociación de Escritores de Lingua Galega, un percorrido pola personalidade poética da escritora


- desde o IES San Paio de Tui: Lingua nai, nai da Lingua







- desde o IES de Poio, esta constelación literaria arredor da obra de Rosalía.


- desde a biblioteca do  CEIP Alexandre Bóveda, Rabuñando Cantares


Para acabar, diferentes achegas musicais á obra de Rosalía: desde Amancio Prada a Guadi Galego pasando por Luz Casal, Rapoemas...





LENDO E LENDO

Novas propostas para os clubs de lectura:

- bibliarousa 1. Abdel, de Enrique Páez. Abdel é un rapaz  tuareg nómade que un día ve como cambia a súa vida: o seu pai,  Yasir,  decide emigrar a España procurando mellor vida; pero a viaxe vai estar chea de dificultades.  Una novela  que aborda o  tema da inmigración ilegal. Velaquí unha curta animada dos primeiros capítulos da novela, feito por Carlos Aldana, un rapaz guatemalteco que fixo a súa primeira curtametraxe cando tiña 16 anos.

-

 - bibliarousa 2. Donde los árboles cantan, de Laura Gallego.Viana, a única filla do duque de Rocagrís, está prometida ao novo Robian de Castelmar desde que ambos eran pequenos. Os dous ámanse e casarán na primavera. Con todo, durante a celebración do solsticio de inverno, alguén advirte ao rei de Nortia e os seus cabaleiros da ameaza dos bárbaros das estepas... e tanto Robian como o duque vense obrigados a marchar á guerra...


- bibliarousa +. As voces baixas, de Manuel Rivas."Todos e todas levamos dentro voces altas e baixas. A todos nos pode saír nalgún momento o ego napoleónico ou a voz do cacique. A cuestión é telas controladas: preocuparse cando nos saen esas voces altas".
"No tempo histórico que abrangue o libro, nese período de prohibicións e constante vixianza do ollo panóptico do poder, as mulleres vivían moito máis amarradas que os homes"


Paz e Dereitos Humanos



Durante esta semana fomos traballando no noso Proxecto Dereitos Humanos. Tal como programamos, estas foron as actividades realizadas:
-Visita á exposición "Un mundo inxusto". Cada curso foi visitando a exposición e realizando un cuestionario.
- Visionado da película "Los juegos del hambre", acompañada dunha unidade didáctica para traballar o tema da Paz e os Dereitos Humanos. Esta unidade foi aproveitada, tamén, para traballar as diferentes competencias, particularmente a  competencia lingüística e a social utilizando a dinámica de xogos cooperativos.






Fina Casalderrey na RAG


Aínda que un pouquiño tarde, querémonos sumar á iniciativa da rede de bibliotecas escolares para celebrar unha boa nova: a entrada dunha das nosas escritoras de referencia na Real Academia Galega como académica numeraria. Parabéns á autora de "O misterio dos fillos da Lúa" e parabéns á cultura galega que tan necesitada está de referentes nestes tempos de recortes e mutilacións...
https://picasaweb.google.com/104643864881946441948/FinaCasalderreyNosBlogs?feat=email#slideshow/5837718823278958018

De Herba moura a Los niños de Elisabeth

"...aínda que todos os sentidos alimentan os praceres e ofrecen acougo e dita, non traballan igual: a vista alimenta a luxuria, o ouvido a tenrura, o tacto o amor, o gusto a fartura e o elfacto a morriña, que non parece aos teólogos paixón, non sendo outra cousa cá brasa que alimenta o lume."
Así, con todos os sentidos ben espertos, fomos comentando este libro extraordinario que é Herba moura, un percorrido pola Europa do s. XVIII da man da raíña Christina de Suecia e de Hélène Jeans, unha meiga que vive en Amsterdan. E, con vocación europea, e da man doutra muller, Hélène Legrais, chegamos á seguinte lectura: Los niños de Elisabeth, unha historia situada na fronteira española con Francia, onde son confinados os republicanos españois que foxen da guerra civil. Unha enfermeira suiza, Elisabeth, decide fundar unha maternidade para axudar ás mulleres embarazadas e aos seus fillos. Basada en feitos reais, é un exemplo de solidariedade e sacrificio en tempos de guerra.
 Dáse a casualidade que Noelia, unha das integrantes do club de lectura, está traballando en Perpignan, lugar de nacemento da autora desta obra, e prometeunos visitar o museo de Elna e contarnos moitas cousas interesantes... Vémonos, pois, o martes, 29 de xaneiro para falar desta obra.

#recitandoCelsoemiliO

O grupo de 3º PDC elaborou este videopoema xogando con un texto de Celso Emilio Ferreiro, Eu en ti. Puxémolo nas aulas coincidindo coa proposta da Coordinadora ENDL para o 12/12/12.


Proxecto Dereitos Humanos

O Proxecto que traballaremos este curso leva por título Dereitos Humanos. Trátase dunha serie de actividades que levaremos a cabo ao longo do curso, escollendo como eixo central os Dereitos Humanos e o seu incumprimento.  O deseño deste Proxecto consiste en:

  • Actividades compartidas, nas que participa todo o centro: exposición "Un mundo inxusto", Violencia de xénero,  Semana da Paz...
  • Actividades propias de cada materia, integrando o tema dos Dereitos na programación  curricular: Dereitos lingüísticos, Arte e Dereitos Humanos, Liberdade de Expresión...
  • Dereitos e club de lectura. A raíz da lectura Los juegos del hambre, prepararemos uns xogos cooperativos nos que se poñan de manifesto as diferenzas sociais e económicas entre países ricos e pobres.
O martes, 27 de novembro, proxectaremos  no Auditorio a película " Te doy mis ojos". Esta actividade está organizada polo departamento de Orientación deste centro, que traballou especificamente este tema.




  • Outra das actividades programadas arredor deste tema é o concurso de portas. Cada clase debe adornar a porta da aula con algún motivo alusivo á violencia de xénero. Xa  se empezan a ver algunhas con moita mensaxe!!!

Queres ser un sinsajo?



















Á vista do éxito da lectura Los juegos del hambre, vímonos na necesidade de desdobrar o club de lectura Bibliarousa, para respectar os distintos ritmos de lectura:
- por unha banda, os que xa van polo segundo libro, En llamas; ou polo terceiro, Sinsajo.
- por outra, os que seguen coa primeira entrega.

De todos os xeitos, compartimos xogos de imaxes e faremos sesións conxuntas para comentar, entre outras cousas, a película.



Lecturas Bibliarousa

Comezamos a nosa andaina no club  de lectura xuvenil e de adultos coas seguintes propostas:

- Club de lectura bibliarousa (xuvenil)

 Los juegos del hambre, de Suzanne Collins

Un pasado de guerras deixou os 12 distritos que dividen Panem baixo o poder tiránico do “Capitolio”. Sen liberdade e na pobreza, ninguén pode saír dos límites do seu distrito. Só unha moza de 16 anos, Katniss Everdeen, ousa desafiar as normas para conseguir comida. Os seus prinicipios poranse a proba con “Os xogos do fame”, espectáculo televisado que o Capitolio organiza para humillar á poboación. Cada ano, 2 representantes de cada distrito serán obrigados a subsistir nun medio hostil e loitar a morte entre eles ata que quede un só sobrevivente. Cando a súa irmá pequena é elixida para participar, Katniss non dubida en ocupar o seu lugar, decidida a demostrar coa súa actitude firme e decidida, que aínda nas situacións máis desesperadas hai lugar para o amor e o respecto.
A historia continuará... a segunda entrega da triloxía .

Vémonos o próximo venres para repartir exemplares!!!



Tamén podemos ir facendo boca coa película:



-Club de lectura bibliarousa+ (adultos)

Outono aquí, de Mario Regueira

Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011.
Outono aquí narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si.
O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.

Vémonos o martes, 30 de outubro ás 20 h. no instituto.

 

Acollida 2012

 
Benvidos e benvidas a este novo curso que comezamos coas seguintes actividades:
  • Durante os días 18 e 19 de setembro celebraremos unhas Xornadas de acollida organizadas pola biblioteca do IES Illa de Arousa. Nestas sesións iremos recibindo no espazo da biblioteca aos diferentes cursos (de 1º ESO a 4º ESO) para explicar as normas de funcionamento: empréstitos, clubs de lectura, procura de materiais...
  • O club de lectura Bibliarousa (xuvenil) comezará a súa andaina o venres, día 5 de outubro durante o recreo.
  • O club de lectura  Bibliarousa + (adultos) botará a andar o martes, día 2 de outubro, ás 20 h. Nestas sesións de benvida comentaremos as nosas lecturas de verán e faremos novas propostas para este curso.
  • NOTA: O cambio de horario para o inicio dos clubs de lectura responde a outras actividades escolares reservadas para as datas previamente fixadas.

Lecturas de sol e sombra

As actividades da nosa biblioteca e dos clubs de lectura Bibliarousa e Bibliarousa+ non acaban co curso. Como xa sabedes, seguimos a prestar libros e películas para o verán. Podedes vir pola biblioteca do centro no mes  de xullo para devolver ou levar o material que queirades. E xa que o verán é tempo de dietas, velaí vai a nosa receita: comidas de cine, fartura de libros, devorar as lecturas, devecer por seguir lendo... sen moderación, nin dosificación!!!

Castelao e Kiko Dasilva


Mentres agardamos a visita de Kiko Dasilva ao noso centro, no club de lectura Bibliarousa andamos a ler as Cousas de Castelao, por aquelo de que é un dos nosos primeiros ilustradores famosos. Amais desta paixón pola arte gráfica, é evidente que comparten algo máis: ironía, humor, RETRANCA e GAFAS!