Amosando publicacións coa etiqueta exposicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta exposicións. Amosar todas as publicacións

Paz e Dereitos Humanos



Durante esta semana fomos traballando no noso Proxecto Dereitos Humanos. Tal como programamos, estas foron as actividades realizadas:
-Visita á exposición "Un mundo inxusto". Cada curso foi visitando a exposición e realizando un cuestionario.
- Visionado da película "Los juegos del hambre", acompañada dunha unidade didáctica para traballar o tema da Paz e os Dereitos Humanos. Esta unidade foi aproveitada, tamén, para traballar as diferentes competencias, particularmente a  competencia lingüística e a social utilizando a dinámica de xogos cooperativos.






Feminino plural

Sempre mantivemos que un día de (a muller, o medio ambiente, o traballo...) non é suficiente para mostrar realidades tan amplas e complexas. Por esta razón, para nós,  O día da muller  vai ter unha cobertura que non se pode circunscribir a determinados actos para cumprir co calendario.
Durante todo o mes de marzo realizaremos diversas actividades relativas a este tema, froito da colaboración entre os distintos departamentos: Titoría, Extraescolares, Normalización, Biblioteca...
Velaquí a nosa proposta:
  • Proxección do documental Doli, Doli, Doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo. Trátase dun documental sobre o peche da conserveira Odosa na Illa de Arousa. Centos de mulleres pecháronse na fábrica para esixir os seus dereitos laborais e o recoñecemento de tantos anos de traballo. Sobrecolledor, sincero, unha mostra de valentía de moitas mulleres que son un exemplo de resistencia:


  • Mesa redonda con algunha das ptotagonistas e coa directora do documental, Uqui Permuy.
  • "Seneira de batas", idea recollida do documental "Bata por fóra, muller por dentro"  realizado no IES Alexandre Bóveda de Vigo por Claudia Brenlla.
  • "Mulleres e Ciencia", unha exposición prestada polo instituto de Catoira que recolle a biografía de mulleres destacadas no eido científico.
Velaí un poemiña que hoxe queremos adicar ás mulleres:


Camiñan
descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.






            Ana Romaní, de Das últimas mareas (1994)


Velaquí a selección de fotos da exposición "Mulleres e Ciencia" que pasou polo noso instituto:





Día do Libro.


Esta vez, o Día do Libro cadrou en venres, polo que o noso Club de Leitura puido facer unha sesión especial.
Aproveitamos para convidar algunhas persoas que tiñan curiosidade por coñecernos e, por esta semana, deixamos de lado o tema do amor, e simplemente dialogamos en volta da pergunta que preside a nova exposición da Biblioteca: E TI, PARA QUE LES?.
Poidemos adozar as respostas cuns libros especiais: galletas e chocolate.

Exposición Banda Deseñada

No IES Illa de Arousa levamos uns días traballando na exposición Banda Deseñada que nos cedeu o IES Rodeira de Cangas. Trátase dunha exposición moi interesante que fai un percorrido desde as primeiras manifestacións do que se pode considerar un cómic ata as máis modernas mostras deste xénero. Aprendemos como se deseña; relacionamos obras artísticas con Astérix; descubrimos fórmulas matemáticas con Superman...en fin, unha exposición que aproveitamos todos os cursos desde as diferentes materias. Os nosos parabéns e agradecemento ao instituto Rodeira porque este é un traballo ben, ben feito.

Xornais do Mundo andando o mundo.

A nosa exposición de Xornais do Mundo saiu de viaxe, e anda de xira polos institutos de media Galiza. No blog Trafegando Ronseis fanse eco dela e prepararon unha presentación con todos os xornais.

Que gusto dá poder compartir o traballo!!

Terror na Biblioteca 2

E aproveitando o costume de decorar cabazas, pedímoslle ao alumnado do centro que trouxese calacús decorados terroríficamente. Teñen toda esta semana para facelo, porén xa chegaron os primeiros exemplares, que acompañan a exposición de libros. Destes calacús poden sair grandes historias:

Un calacú renal. Terror con Papá Noel.


Un calacú momia. Medo nas Pirámides.


Un calacú meiga chuchona. Apócema na Arousa.


Un calacú fantasmal. O paiaso do medo.


Un calacú demoníaco. Inferno de Chufre.


E seguirán chegando máis!

Terror na Biblioteca 1

Como este fin de semana cadraron dúas terroríficas celebracións, o Halloween e o Samaín; ás que ademais se lle xunta o día de defuntos, na Biblioteca organizamos unha pequena exposición de fondos (libros e películas) centrada no tema do terror e o misterio. E como estabamos animados, tentamos ambientala para que asustase aos lectores e lectoras:


Gatos negros de Allan Poe e vampiros chupasangues guían o camiño cara a Biblioteca.


Na entrada, un concurso para adiviñar personaxes de terror.


No interior, un túnel asustador leva aos libros.

CÓLLEO, SE TE ATREVES

Exposición sobre África





Estes últimos días de curso aproveitamos para dar conta do que algúns grupos se esforzaron durante o ano. Podemos coñecer os traballos sobre África que realizaron alumnas e alumnos do centro.
Por unha parte, os grupos de segundo, nas clases de Amancio, prepararon murais sobre todos [TODOS!!] os países de África, con todos os datos básicos sobre cada un para que aprendamos un pouco máis sobre este continente.
Por outra, o grupo de cuarto de Bioloxía, con Charo, preparou murais e maquetas sobre os grandes biomas deste mesmo continente.
Podedes velos todos na biblioteca.
Vide coñecer África!!

Xornais do mundo. As fotos.





Como xa vos anunciamos, a exposición Xornais do Mundo, xa está en marcha.
Pasou por ela case todo o alumnado!
A exposición está organizada partindo da clasificación en familias lingüísticas e os seus respectivos grupos: primeiro as románicas, seguida da vasca, das xermánicas, camiñando até o exotismo final da lingua támil. Intentamos conseguir exemplares de xornais en varias linguas, e de variedades diversas dentro da mesma [español peninsular e de América, portugués peninsular, brasileiro e africano,...].
Tiñamos interese tamén en ter mostras de diferentes alfabetos: cirílico, grego, latino, árabe, chinés,... Esta é a parte da exposición que máis éxito está a ter, pois temos a medio instituto a escribir nomes e mensaxes en todos os sistema de escrita do mundo [case].
Para quen queira volver a visitar a expo, aínda permanecerá aberta outra semana...

Aproveitamos para dar as grazas a todas as persoas que nos axudaron a conseguir os xornais que protagonizan a exposición.