Feminino plural

Sempre mantivemos que un día de (a muller, o medio ambiente, o traballo...) non é suficiente para mostrar realidades tan amplas e complexas. Por esta razón, para nós,  O día da muller  vai ter unha cobertura que non se pode circunscribir a determinados actos para cumprir co calendario.
Durante todo o mes de marzo realizaremos diversas actividades relativas a este tema, froito da colaboración entre os distintos departamentos: Titoría, Extraescolares, Normalización, Biblioteca...
Velaquí a nosa proposta:
  • Proxección do documental Doli, Doli, Doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo. Trátase dun documental sobre o peche da conserveira Odosa na Illa de Arousa. Centos de mulleres pecháronse na fábrica para esixir os seus dereitos laborais e o recoñecemento de tantos anos de traballo. Sobrecolledor, sincero, unha mostra de valentía de moitas mulleres que son un exemplo de resistencia:


  • Mesa redonda con algunha das ptotagonistas e coa directora do documental, Uqui Permuy.
  • "Seneira de batas", idea recollida do documental "Bata por fóra, muller por dentro"  realizado no IES Alexandre Bóveda de Vigo por Claudia Brenlla.
  • "Mulleres e Ciencia", unha exposición prestada polo instituto de Catoira que recolle a biografía de mulleres destacadas no eido científico.
Velaí un poemiña que hoxe queremos adicar ás mulleres:


Camiñan
descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.






            Ana Romaní, de Das últimas mareas (1994)


Velaquí a selección de fotos da exposición "Mulleres e Ciencia" que pasou polo noso instituto: