Bo ano lector!
Nadal de libros
Club de Lectura. Sibila

25N
No IES da Illa de Arousa conmemoramos un día sinalado no calendario para espertar conciencias e loitar contra a violencia de xénero, unha das maiores lacras socias da actualidade. Todos e todas debemos aportar o noso gran para crear unha sociedade igualitaria.
Ademais, o alumando de 4º, tras un acto de recordo ás vítimas e concienciación, recibiu a Caxoto para escoitar "Micromachista, eu??".
Na Biblio poderedes atopar bibliografía moi interesante. Ler axudaranos sempre a construír un mundo mellor.
Mangamanía
O xoves reuniuse unha nova delegación Manga na Arousa. E case por unanimidade decidimos que nos imos aventurar a ler Haikyuu, un manga sobre a afeción polo vóleibol.
Se vos présta, aínda estades a tempo de vos unir, pero sede rápidos porque estamos case completos e os libros esgotados nas librarías! Vese que non fumos os únicos aos que lles gustou a idea.
Samaín na Arousa
A semana de defuntos é moi especial na Arousa, como todos e todas sabedes. Chocolate, día de pedir, visitar o cemiterio... e no IES non ía pasar o día da celebración.
Por iso decoramos a Biblio para darlle a benvida aos máis intrépidos e seleccionamos os libros só aptos para persoas non sensibles.
E fieis á paixón por contar historias, o alumnado de 3º e 4º visitou as aulas de 1º e 2º respectivamente. Contáronlles contos da literatura de tradición oral, lendas urbanas terroríficas, tanto que ata parecían verdade! E puxéronlle voz aos contos de Fole, Dieste, Docampo ou Ferrín.
Sen dúbida estarrecedores!
Aproveitamos as sesións para recuperar unha tradición da Arousa, que explicou a profe Helena: as candeas de defuntos, para recordar aqueles que xa non están, con amor e nostalxia en días así.
Grazas a Pedro, Sara, Lucía, Ángela, Adriana e Silvia de 4ºBpola valentía e os ensaios.
Grazas a Alejandra, Carmen, Alba, Diana, Daniela, Cristina, María, Adrián, Mara Ot. e Mara Ou. pola escenificación! Case morremos co medo!
Deixámosvos con algunhas fotos e vídeos para recordar os bos momentos (malos para os máis medicas).
Club de lectura para xente (aínda) miúda
Non somos novas nisto, que pensabades!
O Club de lectura Bibliarousa retoma andaina con moitas veterás na materia. E é que o curso pasado as lecturas foron de altura (e as lectoras tamén) e este ano non ía ser menos.
Imos botar a andar o Club de lectura das incondicionais con O grupo, de An Alfaya, Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. A aposta e segura e temos moitas ganas de lelo!
Por suposto, admítense novas incorporacións e propostas de lectura!
Club de lectura para xente non tan miúda
A andaina das Bibliotecas ás veces é lenta, pero sempre é segura! Este curso temos ilusión e rodearnos de libros é sempre un bo festexo. Por iso retomaremos o Club de lecturas para xente non tan miúda.
Se algo nos caracteriza é que estamos algo afastados do Continente, na boca da ría de Arousa, e para que saír dela se podemos admirala dende dentro? Por iso escollimos, para iniciar a nosa singradura, o libro de Rosa Aneiros, Sibila, que recentemente publicou a editorial Xerais.
Con el percorreremos unha illa que agocha moitos segredos e que iremos descubrindo xuntos.
Anímaste?
Xela é arte
Lectura "A crueldade de abril"
Estreámonos na novela negra con Diego Ameixeiras. Atrevímonos con A crueldade de abril, de Diego Ameixeiras, seguindo as recomendacións de que non perde un libro deste autor.
É certo que non é unha lectura usual no noso Club de Lectura, pero hai que meterlle o dente a todo, e mergullarse nese ambiente sórdido a través dun libro é unha sensación case indescriptible. A historia fai que nos movamos entre a necesidade de vinganza e a xustiza, entre o perdón e a culpa. E aínda que pareza raro, mesmo chegamos a sentir certa empatía cara o personaxe de Gonzalo, que busca acougo. Descubrir a verdadeira Raquel fíxonos sentir carraxe e tamén sentimos certa pena polo seu irmán.
E como vedes, para superar o mal sabor de boca que deixan algunhas lecturas temos un bo remedio. O doce tamén funciona como menciña para a alma.
Na foto, as grandes Candela, Marta, Xoel e Jairo, que fan de Bibliarousa un lugar para gozar do camiño.
Día do libro en Bibliarousa
Nunha biblioteca todos os días son especiais se hai libro e xente que goce con eles. Pero o 23 de abril é sen dúbida unha data sinalada pra nós, que nos gusta viaxar a través dos libros.
Nesta ocasión realizamos varias actividades para festexar este día. Unha delas foi a de compartir os nosos volumes máis prezados (ou os menos) a través de montaxes multimedia, ou o que é o mesmo, en Tik Tok ou Reel. Se é que os libros se adaptan a todo!
Deixámosvos un par deles para que tomedes nota das recomendacións da nosa rapazada, porque eles e elas si que teñen criterio!
Viaxes rexistradas. O pasaporte lector non coñece de fronteiras



Club de Lectura #Bibliarousa: A crueldade de Abril
Que mellor maneira de comezar o mes ca cunha boa lectura. Para iniciar o trimestre, mudamos de xénero e pasamos á novela negra da man de Diego Ameixeiras (non podía ser outro).
Se vos animades a unirvos á lectura, vide pola Biblio buscar un exemplar!
Nós xa estamos desexando comezar.
Irémosvos contando as nosas impresións.
Club de Lectura 1º ESO: A balada dos unicornios
Estamos enganchadxs a Ledicia Costas, non o podemos disimular. E é que ningún dos seus libros nos deixa indiferentes, dende as marabillosas receitas de Escarlatina, a cociñeira defunta ata a astroloxía de O corazón de Xúpiter.
De invisibles a visibles. O Club de Lectura de 4º
8M. Celebrámolas a elas

O día de Rosalía celébrase si ou si!
Nesta data agasallamos a un ser querido cun libro e unha flor e nós non iamos ser menos. Preparamos uns fermosos marcapáxinas cos versos de Cantares gallegos e de Follas novas, e engadimos unha flor, das que xa comezan a agromar en febreiro, coas primeiros raios de sol antes da primavera.
E quedaron así de fermosos! Ollade que cantidade de artistas temos na Arousa!
Club de lectura III. Fagámonos visibles
O alumnado de 3º e 4º da ESO lerá no Club de Lectura Invisible, de Eloy Moreno. Unha novela que emociona e que nos fai reflexionar sobre as relacións sociais na adolescencia e a importancia de visiblizar as situación de acoso.
Este é un libro que todos e todas deberiamos ler. Se non te anotaches, aínda está a tempo. Anímaste?
Non hai curso bo sen un bo equipo!
Club de lectura #Bibliarousa
O ano arranca cargadiño de novas vibracións. Parece que se ve un raíño de luz ao fondo do túnel, non si? E mentres agardamos e esa nova vida, nós que facemos? Ler, que é o que se nos dá ben.
Arrincamos o ano co Club de lectura Bibliarousa. Os membros máis destacados escolleron o libro, O neno co pixama a raias", unha edición en galego do libro publicado por John Boyne que narra a historia de Bruno, un neno alemán que se muda a unha casa preto dunha reixa.
O autor recomenda non estragar a lectura lendo a contraportada. Sumerxiremonos logo na súa lectura e descubriremos os segredos desta novela sobre a II Guerra Mundial da que temos tamén a versión cinematográfica.
Estamos convencidxs da que non nos deixará indiferentes. Imos aló!