Club de Lectura Manga

 

Neste primeiro Club de Lectura Manga do curso decidímonos por Dr. Stone. Que farías ti se quedas convertido en pedra? Aguantarías máis de 3000 anos sen perdes a consciencia só para volver á vida e que todos estean a durmir? Aquí falamos das nosas sensacións e podedes acceder dende a biblio ao primeiro volume e aos cinco que o seguen. Por suposto, non deixamos pasar a oportunidade de probar delicias que chegan da outra punta do mundo. 

É Entroido!

 

Se algo nos gusta na Arousa e gozar das festas. Iso sabemos facelo e moi ben. 

Despois de tanto tempo, foi un gustazo desfrutar desta xornada de Entroido. Saímos ás rúas ensinar os nosos atavíos, a tocar e rir. E á volta... comer!

O alumnado do centro organizou unha colecta solidaria vendendo as receitas máis saborosas e tradicionais. Un millón de grazas a todas esas mans voluntarias que tanto agarimo puxeron en cada cullerada.

E como non, baile, xoldra, risa... 

Se a Candeloria chora, medio inverno vai fóra!

 O día da Candeloria é o día no que casan os paxariños e son moitos os que din que pode ser un día clave para a fin do inverno.

Nós aproveitamos para desfrutar do amor, da amizade e da alegría de estar xuntos. Mandamo mensaxes poéticas cargadas de sentimento e desfrutamos da exposición de bicos máis fermosos da historia da literatura, do cine e mesmo da arte.

Cal é ese bico (de ficción!) que non podedes esquecer?

Intrépidas: Club de lectura de ciencias

Un grupo de intrépidas foi o que tivemos no Club de Lectura de Ciencias coa profe de Física e Química, Aida, que nos levou ao laboratorio a observar con atención, como antes o fixeran elas. Coñecimos a historia de Margarita Salas, Rital Levi Montalcini, Wangari Maathai... Pioneiras da ciencia que abriron o camiño para que hoxe sexa para nós menos arduo.