ponteliterari@





Seguimos inspirándonos na ponte, desta vez, para poñernos literari@s. Comezamos cos microrrelatos traballados en 2º ESO. Os microrrelatos son breves, intensos, únicos, coma os seixos do Bao.



Velaquí algún dos microrrelatos que nos chamaron a atención:

Non podía moverme, nin un movemento podía facer o meu corpo. Só o meu dedo era o que podía tocar o botón que me daría a liberdade de desprazarme. Ao fin cheguei,e apreteino sen pensalo dúas veces. O "selfie" xa estaba feito!


                                     Alexandra Zels Otero




Atrapados sen saída nun paraíso deserto, alimentándonos dos peixes e mariscos, e algún coello. Deixáronnos coma salvaxes, nun lugar sen saída e cando xa ninguén nos ía  salvar, vin entre as beiras a nosa liberdade, a nosa salvación, a nosa ponte.

                                                      Javier Rego Paz


Inferno

Tic,tac,tic,tac. O sufrimento era terrible.Os demos mandaban traballos sobrenaturais. Isto era o inferno.Tiña que saír de aquí canto antes.

-  Profe, podo ir ao baño?

                                                     Francisco Vázquez Dios

Todos os días a vexo,
sen ela non son nada.
Percorro o camiño e chego á outra beira.
Ponte comigo, toda enteira.


                         Alex Dacosta García







Cantando en feminino


Para celebrar o día da muller, escoitamos a Guadi Galego na súa fermosísima canción Matriarcas:





E a Sés, afirmando Non son fada nin princesa:


A banda d'A banda

A banda sen futuro é a lectura escollida para o club de lectura bibliarousa e, tamén, unha das propostas de lectura de 3º ESO. Para que vaiades facendo boca, un traballo moi orixinal do IES Viós:



Outra das lecturas para 3º ESO é Cando Artur non era Rei. Aquí vos deixamos unha entrevista que se lle fai ao autor, Xabier López López.

pontematemátic@


CONCURSO MATEMÁTICO
DEPARTAMENTO DE MATEMÁTICAS
IES ILLA DE AROUSA

BASES 
1. Participantes. Tod@s @s alumn@s do centro IES Illa de Arousa. Cada alumno e alumna deberá participar na modalidade á que pertenza:

Nivel I. Os alumnos e alumnas de 1º e 2º ESO.
Nivel II. Os alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO.

2. Tema. Problemas matemáticos arredor do tema da ponte.
    3.  Prazo. Luns, 2 de febreiro - luns, 16 de marzo.
Haberá catro tandas de problemas, nas seguintes datas: 2 de febreiro, 19 de febreiro, 2 de marzo e 16 de marzo. As datas de entrega da resolución dos problemas serán dadas cando se expoñan os problemas.

    4.   Envío. Entrega ao profesor ou profesora de matemáticas de cada curso.


   5. Valoración e xurado. Cada problema valerá dous puntos. Valorarase a resolución e orixinalidade na resolución. Deberá explicarse claramente como se chegou ao resultado. O xurado poderá pedir a explicación da resolución no caso de dúbidas. Considérase gañador quen acumule máis puntos.



   6.   Premio. Material informático, edición e publicación dos problemas. 

pontefotográfic@




CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

BIBLIOTECA IES ILLA DE AROUSA

BASES:
   1.   Participantes. Tod@s @s alumn@s do centro IES Illa de Arousa.

   2.   Tema. O tema principal é a ponte, fotografiada desde distintos ángulos.
     As fotos presentadas deben ser orixinais e inéditas. Non se aceptarán fotomontaxes.

   3.   Prazo. Luns, 2 de febreiro - venres, 10 de abril.

   4.   Formato e tamaño:
  •  Máximo, 3 fotos. 
  •   Formato, JPG
  •   Dimensións, 800x600 px.
  •    Realizadas con cámara ou móbil.
   5.   Envío. Descarga as túas fotos con cadanseu título e un pseudónimo no ordenador da biblioteca, na carpeta "pontefotográfic@".  Paralelamente, debes rexistrarte  aportando os teus datos persoais.

   6.   Valoración e xurado. Os criterios de avaliación serán a calidade e orixinalidade    das fotos, así como do seu título.

   7.   Premio.

    Material informático, edición e publicación das fotografías. 

Lendo en 2015


Recibiches algún agasallo coma este?
Seguro que entre o apalpador e os reis, algún libro che deixarían....
Pois nós aquí estamos ás voltas coas lecturas que temos pendentes, entre elas O Hobbit, que está case rematado e do que tamén comentamos algunha escena da película:



O venres vémonos para comentar o desenlace e tamén haberá algunha sorpresa sobre Smaug.
Convén ir pensando na próxima lectura!









Cómo se grabo la escena de Smaug en El Hobbit 2

Clase de cine maxistral

 Porque cando é un mestre experto quen dá unha clase, chamámola maxistral.

Marcos Nine é un grande cineasta e é da Arousa, cousas en absoluto incompatibles. No IES Illa de Arousa sentímonos orgullosas diso, así que convidámolo a que ofrecese unha clase aos grupos de 3ESO sobre os elementos básicos da linguaxe cinematográfica. Organizou unha sesión moi interesante e déixanos deberes para xogar: 
  1.  Gravar unha secuencia Lumiere.
  2.  Realizar memes.
  3.  Elaborar secuencias meme.
  4.  Facer o noso rage comic.  


Clase de matemáticas: eixo de coordenadas, ángulos e cámaras.
Pasando do rage cómic a Bruce Lee e Chuck Norris.

Cremos que a actividade foi o bastante produtiva para que nazan novas e novos cineastas.





Begoña Caamaño "in memoriam"



A escritora Begoña Caamaño morreu este luns en Compostela. Fóisenos unha gran muller e unha magnífica escritora.
De profesión xornalista, Begoña Caamaño traballaba na Radio Galega desde 1989, primeiro na delegación de Vigo -a cidade na que naceu hai cincuenta anos- e despois na sede en Compostela, nas seccións de sociedade e cultura, nesta última participando en distintos programas, un deles, o Diario Cultural da súa amiga e tamén escritora Ana Romaní.
No ámbito literario, destacamos dúas obras das que disfrutamos especialmente: Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul. Esta foi comentada no noso club de lectura o ano pasado e todos coincidimos na súa extraordinaria calidade e na súa orixinalidade na revisión do mito de Ulises e Penélope.
Dóenos profundamente esta perda e,como non podía ser doutra maneira, acudimos ás súas propias palabras para despedila:

 "Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder"

"Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@"

 "canto máis feliz sexan os demais, máis feliz serei eu"

Que a terra che sexa leve, que te acollan no seu seo Morganas e Penélopes!

Déixovos, tamén, esta carta de despedida da propia Begoña a Uxía:

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html

Constelacións Literarias

Estas son as propostas de lectura obrigatoria de Lingua Castelá para o curso 14-15:

1ºESO: De cadro en mito:


2ºESO: Sentirse raro

3ºESO: Calquera tempo pasado...:



4ºESO: Tristes guerras tristes:



Podedes escoller as vosas lecturas persoais na listaxe que corresponda.





Lecturas voluntarias de Lingua Castelá

Como xa comentamos nas clases, para avaliar as vosas lecturas voluntarias contaredes coas seguintes posibilidades, todas elas en formato audiovisual, para poder incorporar os vosos traballos a este blog:

1. Podedes realizar o booktrailer do libro que leades (ou o trailer da película que vexades). Lembrade que un booktrailer debe animarnos a ler, non espaventar lectoras/es...
Un exemplo mestre é este:



2. Podedes recrear unha escena audiovisualmente, aquela que consideredes máis impactante, máis representativa, máis chocante, máis misteriosa, máis... do libro:


D:Las lenguas del las mariposas from Cinetura on Vimeo.

3. Podedes, se non vos atrevedes a actuar, realizar unha presentación recensionando a obra:



Ou podedes tirar de creatividade, imaxinación e un chisco de desvergoña para realizar unha fotonovela:



4. Se non queredes actuar, podedes ficar na vídeo-reseña:



5. Y se isto aínda vos resulta complicado, gravade a vosa voz e contádenos a vosa opinión nun podcast

Los Juegos del Hambre, podcast.



Recordade: os traballos sobre lecturas voluntarias, dependendo da súa calidade, suman até 0'5 puntos, cada un, na cualificación final da materia.

De volta

Un curso máis, a biblioteca do IES Illa de Arousa bota a andar. Así comezamos:

  • Apertura da biblioteca nos recreos, agás o venres,
  • Información das actividades na xuntanza de pais e nais,
  • Sesións de acollida para 1º ESO,
  • Convocatoria dos clubs de lectura bibliarousa para o venres, 3 de outubro, no recreo.

Videopoemas para Rosalía (II)

Tal como programamos, na materia de Lingua e Literatura galegas, fomos recollendo os diferentes traballos audiovisuais sobre  a escolma poética A miña primeira Rosalía, de Xiana e Xosé Lastra e con ilustracións de María Manuela. O libro vén acompañado dun disco con poemas musicados por María Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra. O alumnado de 3º ESO elaborou diferentes versións , nunha escolla libre dos poemas e dos formatos: , ppt, movie maker... Déixovos unha  mostra, neste caso, elaborada por Nico e Iago:






Máis mostras, do curso 2015:








Despedida Bibliarousa+


 Este martes celebramos a derradeira sesión do club de lectura bibliarousa+ xa que, debido á escasa asistencia das últimas sesións, decidimos poñerlle fin a esta actividade.
Nestes tres anos xuntámonos cada mes para facer comentarios sobre diferentes libros ou películas.Gústanos ler, gústanos falar do que nos conmove e nos emociona, e gustoume (falo en primeira persoa) compartir esa viaxe literaria con todos vós. Nunca foi unha actividade maioritaria, sempre  tivo un seguimento  irregular, por iso foi sostido a base de entusiasmo e compromiso. E, claro, o entusiasmo foi esmorecendo e só quedaba o compromiso. E gústame manter os compromisos.
Pero non me gustan as despedidas. E por que non me gustan as despedidas?
Porque os abrazos quedan convocados para outra aperta, porque os bicos son de ida e volta, porque as palabras poden ser as derradeiras. Pero nesta sesión de despedida non houbo nada: nin abrazos, nin bicos, nin sequera unhas palabriñas. Nada, non houbo nada. E a nada non doe.
                                                                                                                 Fe Souto   
   
As miñas últimas recomendacións:

A memoria da choiva, de P. Feijoo
 La cena, de Herman Koch