Begoña Caamaño "in memoriam"
A escritora Begoña Caamaño morreu este luns en Compostela. Fóisenos unha gran muller e unha magnífica escritora.
De profesión xornalista, Begoña Caamaño traballaba na Radio Galega desde 1989, primeiro na delegación de Vigo -a cidade na que naceu hai cincuenta anos- e despois na sede en Compostela, nas seccións de sociedade e cultura, nesta última participando en distintos programas, un deles, o Diario Cultural da súa amiga e tamén escritora Ana Romaní.
No ámbito literario, destacamos dúas obras das que disfrutamos especialmente: Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul. Esta foi comentada no noso club de lectura o ano pasado e todos coincidimos na súa extraordinaria calidade e na súa orixinalidade na revisión do mito de Ulises e Penélope.
Dóenos profundamente esta perda e,como non podía ser doutra maneira, acudimos ás súas propias palabras para despedila:
"Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder"
"Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@"
"canto máis feliz sexan os demais, máis feliz serei eu"
Que a terra che sexa leve, que te acollan no seu seo Morganas e Penélopes!
Déixovos, tamén, esta carta de despedida da propia Begoña a Uxía:
http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html