África e Mia Couto


A última sesión do Club de Lectura BIBLIAROUSA+ foi ben estraña: nom puidemos ler o libro proposto porque... estaba descatalogado. Menos mal que tamén acordáramos visionar a película Mooladé, e demos en comentar varias escenas do filme que, como o libro non-lido (Mutilada, de Khadi Koita) trata o tema da mutilación xenital feminina.

A sesión deu para falar polo miúdo porque a película do senegalés Ousmane Sembene é unha marabilla que todas e todos deberiades gozar. Falando das mulleres da película, das tradicións culturais que non o deberan ser,  da vida no rural africano... chegamos á proposta para a próxima sesión:


O último voo do flamingo, de Mia Couto, que como o seu nome indica é un home. A versión orixinal da novela está escrita en portugués, pois Mia Couto é mozambicano, país que fai parte da Lusofonia. Existe tradución ao castelán na editorial Alfaguara. Temos exemplares circulando entre nós, polo que, se tedes interese en participar no club, só tedes que contactar con nós.
Foi estreada este verán unha película baseada na novela, así que tentaremos facernos con ela, para ver algunha escena o día da merenda-encontro.

Pido a paz e a palabra


Con este verso de Blas de Otero,  queremos comezar a proposta de actividades que imos levar a cabo con motivo da Semana da Paz. Velaquí un adianto:

"Cine para vivir, cine para convivir". En cada curso proxectaremos unha película que trate o tema da Paz: A Ola (4º ESO), A lingua das bolboretas (3º ESO), O neno do pixama a raias (2º ESO) e O señor das moscas (1º ESO). O visionado das películas irá acompañado de diferentes actividades orientadas ao tratamento do tema da Paz e Dereitos Humanos.






- Paz e Dereitos Humanos. Exposición e traballos sobre este tema facendo unha avaliación do grao de cumprimento real destes Dereitos.

















-Mercadillo solidario. Ao longo da semana que vén iremos aportando diferentes obxectos, libros... para poñelos á venda e, cos cartos recadados, facer unha doazón a unha ONG. Precisamos a colaboración dos pais e nais para o desenvolvemento desta actividade.










- Libros e películas na biblioteca. Recomendacións Paz 2012


Os Simpsons







Xa estamos de volta traballando no club de lectura Bibliarousa.  Tal como dixemos, a nosa próxima "lectura" será a serie animada Os Simpsons. Para introducir o xénero de banda deseñada, comentamos unhas nocións básicas sobre esta técnica:
E falamos tamén da orixe, a autoría e as curiosidades desta serie. Quedamos en ver o capítulo que se emite o xoves, 19 de xaneiro, ás 21 h., en Neox, para comentalo na sesión do venres.

AVISO CLUB DE LECTURA BIBLIAROUSA +
O libro Mutilada que debemos comentar   na próxima sesión do día 24 de xaneiro, está descatalogado polo que vai ser difícil que o poidamos ler todos os intrgrantes do club de lectura. De todos os xeitos quedamos para falar da película Mooladé, de Ousmane Sembene. Se non a podedes conseguir, preguntade no instituto ou navegade un pouco pola rede. Ata o martes!



Isaac Díaz Pardo, un resistente


Este ano os Reis trouxéronnos un tráxico agasallo: a morte de Isaac Díaz Pardo, un artista, un galeguista... UN RESISTENTE!
Un home que loita desde ben neno contra as pedradas da vida como a morte do seu pai, o exilio, a recuperación da memoria histórica... convértese nun supervivente, nun artista necesario, imposible de etiquetar nun só xénero poi foi deseñador, ceramista, pintor, escritor...
Leamos esta sentida semblanza que nos fai Manuel Rivas sobre a figura deste autor e escoitemos as súas propias palabras:


Tod@s á biblioteca


Durante estes días, todo o instituto pasa pola biblioteca para escoller o seu libro, a súa película, o seu cómic... É tempo de estar á quenturiña lendo, conversando sobre todos eses mundos que se agochan detrás dun bo libro ou unha boa película. Lembrade que, á volta das vacacións, falaremos de todo isto.
Avisos para os clubs de lectura:
- Club de lectura Bibliarousa: A seguinte lectura escollida será Os Simpsons. Podedes ir lendo algo e, por suposto, ver algún capítulo de animación para comentarmos á volta.

- Club de lectura Bibliarousa+: A obra escollida é Mutilada de Khady Koita e tamén comentaremos a película Muladé de Ousmane Sembene. a xuntanza será o martes, 24 de xaneiro, ás 20 h. na biblioteca.

Charlie e a fábrica de chocolate

Rematamos a lectura de Ralatos escalofriantes e, para despedir este magnífico autor, pensamos que o mellor sería ilustrar algunha das súas obras con escenas de películas. Escollemos a película Charlie e a fábrica de chocolate. basada na obra homónima deste escritor. Se queredes ter "infansia" - como di Xián- non deixedes de vela e aquí estaremos o venres no recreo para comentala. Lembrade que esta será a última sesión do club Bibliarousa antes das vacacións e, xa que logo, faremos algo moi especial.
Quen atopará os billetes (moedas) dourados?



También la LLuvia


O martes pasado tivemos unha nova sesión do Club de Lectura Bibliarousa+.
Nesta ocasión os deberes que quedáramos en facer non eran de lectura, senón de visión: ver a película TAMBIÉN LA LLUVIA, de ICIAR BOLLAÍN.

Xuntámonos para comentar a peli en xeral e voltar a ver algunhas escenas en particular. Todas gostamos do filme. A todas nos namorou ese xogo de facer cine dentro do cine dentro do cine. A todos nos atraparon eses saltos do pasado ao presente á ficción á realidade da rúa ao decorado.

Comentamos unha das primeiras escenas, na que os actores ensaian a chegada de Colombo ás Indias. A grande interpretación de Karra Elejalde. O xogo das olladas: os indíxenas son do século XV ou do XXI?.

Comentamos a escena do soborno na Comisaría: Faríamos nós o mesmo? É correcta a decisión dos protagonistas? Falamos da dificultade de saber como somos en realidade, até viver situacións extremas.

De aí derivamos ao papel da muller de Miguel, o protagonista indíxena, ao papel das mulleres en Latinoamérica, ao papel das mulleres no mundo... e así foi como escollemos tema para a próxima sesión, que como nos pilla despois do Nadal, xuntará película e libro.

Ademais, para completar a película, repartimos esta antoloxía de textos do libro de historia Memoria del Fuego: Los Nacimientos, de Eduardo Galeano:



Arrepiantes


Así son os Relatos escalofriantes de Roald Dahl: sorprendentes, engaiolantes, arrepiantes... Seguimos "enganchad@s" con estes contos fermosísimos que nos fan reflexionar sobre moitos aspectos da natureza humana: a cobiza, a vinganza, o engano... Creo que tod@s maduramos un pouquiño máis despois de ler a este escritor extraordinario. Recomendamos, tamén, outra obra súa magnífica: Relatos de lo inesperado



SAMAÍN 2011


Alma from Rodrigo Blaas on Vimeo.
Peta na porta o Samaín e nós, coma sempre, deixámolo entrar. Este ano tráenos
  • Unha exposición na biblioteca de libros e películas de terror
  • Escolma de relatos de terror para ler e compartir. Se queres seguir lendo, pasa pola biblioteca.
  • Sesións de lectura escalofriantes no club de lectura
  • Cabazas extraordinarias, realizadas en colaboración co voluntariado do horto. Mirade:



« Os difuntos falaban castelao » (9.13 min.)





Por se non podes participar nestas actividades, velaquí unha guía de recursos e unha escolma de videos arrepiantes que nos chega a través da rede de bibliotecas escolares.

Club de Lectura Bibliarousa+

Bota a andar unha nova edición do Club de Lectura dirixido a persoas adultas.

Como combinamos no pasado mes de Xuño, na nosa primeira xuntanza comentaremos as nosas lecturas de verán: se foron moitas, poucas, de libros gordos, pequenos, raros, se gostamos deste, se nunca recomendaríamos aquel, se me decepcionou aqueloutro, se levei unha sorpresa onde menos a agardaba...

Probablemente desa conversa sairá a primeira proposta de lectura para este outono, que por fin parece que chega.

Lembrade que o Club está aberto a todas as persoas que non sexades alumnas do IES Illa de Arousa. Tanto ten se tedes fillos, sobriñas, netas ou sogras no centro. Abonda con que gostedes da lectura e de compartir ese gosto.

Vémonos o martes 25 de Outubro, ás 20.00 horas, na Biblioteca do IES Illa de Arousa.

2º PREMIO OUFF ESCOLA PARA O NOSO IES

O video O xefe Seattle: selvaxe? elaborado polos alumn@s de 4º ESO do ano pasado, resultou gañador do 2º premio no Festival de Cine OUFF Escola de Ourense. Este traballo estaba incluído dentro do Proxecto América, coordenado pola biblioteca deste centro durante o curso pasado. PARABÉNS a tod@s os alumn@s e a Sonia, a directora desta curta.
Novas coma esta fan que este centro sexa coñecido, tamén, polo noso traballo e non só polas xustas e merecidas reivindicacións. Este é o Ensino que queremos!!!

O xefe Seattle: salvaxe? from Ourense Film Festival on Vimeo.

Benvid@s


Por fin, botamos a andar. Despois de moitas dificultades, comezamos as clases e, xa que logo, a nosa biblioteca volve abrir as portas para tod@s @s usuari@s da biblio.
Comezamos xa as actividades do club de lectura Bibliarousa, falando das posibles lecturas para este curso. Unha vez máis, o misterio e o terror parecen ser os temas preferidos para comezar o curso. Escollemos Relatos escalofriantes, de Roald Dahl, un autor ben coñecido por todos nós xa que Quen non viu a película Charlie e a fábrica de chocolate ou non leu Matilda ou As Bruxas? Parece que este autor vén sendo un dos preferidos. Esperemos que tamén gocemos destes Relatos escalofriantes. Escollemos para a primeira sesión o relato "Tatuaje". Vémonos, coma sempre, os venres no recreo.