Bota a andar unha nova edición do Club de Lectura dirixido a persoas adultas.
Como combinamos no pasado mes de Xuño, na nosa primeira xuntanza comentaremos as nosas lecturas de verán: se foron moitas, poucas, de libros gordos, pequenos, raros, se gostamos deste, se nunca recomendaríamos aquel, se me decepcionou aqueloutro, se levei unha sorpresa onde menos a agardaba...
Probablemente desa conversa sairá a primeira proposta de lectura para este outono, que por fin parece que chega.
Lembrade que o Club está aberto a todas as persoas que non sexades alumnas do IES Illa de Arousa. Tanto ten se tedes fillos, sobriñas, netas ou sogras no centro. Abonda con que gostedes da lectura e de compartir ese gosto.
Vémonos o martes 25 de Outubro, ás 20.00 horas, na Biblioteca do IES Illa de Arousa.