Inés y la alegría


Toulouse, verán de 1939. Carmen de Pedro, responsable en Francia dos dezmados comunistas españois, crúzase con Jesús Monzón, un cargo menor do partido que, sen ela intuílo, alberga un ambicioso plan. Uns anos despois, en 1944, Monzón, convertido na súa parella, organizou o grupo máis disciplinado da Resistencia contra a ocupación alemá, prepara a plataforma da Unión Nacional Española e conta cun exército de homes dispostos a invadir España...


Tal como falamos nas últimas sesións, comentaremos a obra Inés y la alegría, de Almudena Grandes. A sesión será o martes, 3 de xuño. É importante a vosa asistencia para tomar decisións arredor deste club de lectura.



Videopoemas para Rosalía (I)

Deixamos aquí unha mostra do que se vén chamando videocreación, é dicir, unha mestura de texto, imaxe e son que pode servir para ilustrar unha historia
Primeiro, un titorial para axudarnos a crear un videopoema:




Comezamos co videopoema que fixeron @s alumn@s de 4º PDC, do poema de Celso Emilio Ferreiro "Eu en ti":



Xa máis elaborados, estes videopoemas de Rosalía feitos por alumnos de 3º ESO  do IES As Barxas. Podedes ver o seu interesatísimo blog EDUCORTO.





E, por último, este poema de Andrea Nunes Brións, "Todas as mulleres que fun". Gañadora do 1º premio de cinEOI da Coruña, 2012



Ánimo @s nos@s alumn@s de 3º ESO. Seguro que conseguen facer algo ben fermoso!!!


Máis referencias:
https://www.youtube.com/view_play_list?p=F8D921DC23F9D5FE

lendoamares


Inauguramos unha nova sección neste blog: Lendoamares. Trátase dun espazo lector aberto a todo o alumnado  no que iremos recomendando diferentes lecturas traballadas na aula. A primeira fase deste proxecto consiste en:

-Escollo un anaco dalgunhas lecturas que me gustasen
-Cópioo e déixoo nos comentarios, indicando o autor e título do fragmento, así como o nome de cada lector.

Os primeiros usuarios deste espazo serán @s alumn@s de 2º ESO. Comezamos pola materia de literatura galega, polo tanto, o seu código será: lendoamares2G. Para axudarvos nesta viaxe literaria, lémbrovos as diferentes lecturas que traballamos ao longo do curso:

  • Castelos na area (Erros e Tánatos) de G. Navaza
  • A marquesiña, Na cova dos carcamáns, de Castelao
  • Cartas de inverno, de A. Fdez. Paz
  • O cazador de trolls, de Luís Seixido
  • A expedición do Pacífico, de M. Aleixandre
  • Punto cero, de A. Fdez. Paz
  • Un tesouro, de X. Neira Vilas
  • Falar (Made in Galiza) de Séchu Sende
  • O comezo das vacacións, de M. N. Singala
  • Os lobos, de A. Fole
  • Todos somos, de M. Calveiro
  • Microficción 
  • Micropoemas
  • O encargo (Proxecto Bolboreta), de Andrea Maceiras
  • Non te esquecerei (Boy, relatos de infancia), de Roald Dahl
Nunha segunda fase, incluiremos crítica literaria, biografías... xa iremos informando.


" A vida dos outros"

No club de lectura bibliarousa+ andamos ás voltas entre a literatura e o cine. Despois de ler "a noite branca", parecíanos moi interesante ilustrar a época posterior á 2ª guerra mundial, os tempos da guerra fría, con esta extraordinaria película. Recomendamos a crítica que fai a revista Zinema, unha das nosas páxinas de cine preferidas.



Sinopse:
O capitán Gerd Wiesler é un oficial extremadamente competente da Stasi, a todopoderosa policía secreta do réxime comunista da antiga República Democrática alemá. Pero, cando en 1984 lle encomendan que espíe á parella formada polo prestixioso escritor Georg Dreyman e a popular actriz Christa-Maria Sieland, non sabe ata que punto esa misión vai influír na súa propia vida.

Bretón, galés, élfico e outras linguas

Un ano máis, botamos man da nosa exposición "Xornais do mundo" á que tanto rendemento lle sacamos. Comezamos co curso de Cultura Clásica de 4º,no que traballamos conceptos previos na aula e, despois, por grupos, foron dispoñendo e organizando o material. O resto do alumnado foi pasando pola exposición ata chegar a 2º ESO, co que rematamos.
Como novidade, este ano engadimos exemplares de Islandia, Croacia, Escocia, A Bretaña (por fin conseguimos algo escrito en bretón!) e, como sorpresa,  unha mostra de alfabeto élfico, a lingua na que falan as personaxes de Tolkien na súa obra "O señor dos Aneis". Como facemos co resto dos países reais, este idioma tamén leva a súa ficha, neste caso un mapa da Terra Media. Observar como se pode "inventar" un idioma para facer máis realista a ficción é un dos aspectos que máis chama a atención dos rapaces.




Os xornais árabes, chineses, xaponeses... tamén son obxecto de moitos comentarios xa que sorprenden desde o momento en  que os abrimos e lemos en sentido inverso; o xaponés, de arriba cara a abaixo. Algunhas alumnas de 2º (Jennifer e Lidia M.) están procurando a tradución das noticias da portada en chinés e xaponés. Moitas grazas por enriquecer esta exposición!!! 


Pacificando

Un ano máis, celebrando un día de PAZ entre tantas frontes de batalla: recortes, novas leis de educación e do aborto... en fin, unha sociedade máis inxusta e menos libre.
Xa comentamos como afectou a esta biblioteca o recorte de profesorado. Por esta razón, as actividades que desenvolvemos non irían avante sen a colaboración e implicación de moit@s compañeir@s (titorías, orientación, dirección...)  que sempre están aí para botar un cabo.  Así as cousas, e botando man do traballo de anos anteriores, conseguimos programar actividades para falar de PAZ e dos  DEREITOS. Esta é a nosa proposta:


  • "Pido a Paz e a palabra". Lecturas do club de lectura bibliarousa arredor deste tema. Entre moitas outras, velaquí unha mostra:
         ORIXE DO SÍMBOLO DA PAZ
 Deseñado polo artista británico Gerald Holtom en 1958 como emblema  dunha das meirandes marchas antinucleares da historia. En realidade,  é o logo de CND, Campaign for Nuclear Disarmament.
 O deseñador construíu o símbolo a partir das letras N (uclear) 
e (isarmament) da linguaxe das bandeiras.



        Primeiro colleron aos comunistas, 
        e eu non dixen nada porque non era  
        comunista.

        Logo levaron aos xudeus, 
        e eu non dixen nada porque non era xudeu.

        Logo, viñeron buscar aos obreiros; 
        non dixen nada, porque non era obreiro nin 
        sindicalista.

        Máis tarde metéronse cos católicos, 
        e non dixen nada porque eu era protestante.

        Cando, finalmente, viñeron  por min, 
        xa non quedaba ninguén para protestar.

    Martin Niemüller (1892-1984) Pastor luterano.
     Foi un dos primeiros e máis tenaces críticos do
     nazismo.               


“Rapaces, coidado, loitamos moito  por conseguir o que tedes. Agora  tócavos a vós defendelo, mantelo e melloralo; non permitades que volo arrebaten”.

Prólogo de J. L. Sampedro en “Indignaos!”, de Stephane Hessel.  Este libro foi a orixe do movemento 15 M.



  • Exposición "Un mundo inxusto".Programada para os rapaces de 1º ESO xa que o resto do alumnado xa a visitara o ano pasado.

  • Película Cometas en el cielo. Programada para todo o centro con sesións de traballo. Paralelamente, un concurso de papaventos co lema "Voando en son de Paz".
.
















A noite branca

Velaquí o próximo libro que escollemos no club de lectura bibliarousa+. Comentarémolo o martes, 18 de marzo.

2ª Edición - Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do ano 2012

Marcos sente a necesidade de coñecer e contar unha parte esquecida do seu pasado familiar cando descobre varias fotografías e un feixe de cartas escritas por un voluntario da División Azul, enviadasdesde a fronte rusa en 1941, e atopadas no interior dunha caixa de marmelo. Coa axuda da súa nai, o escritor inicia un proceso de investigación e de recuperación da memoria que o leva desde A Habana da emigración galega ata a fronte do río Volchov e o cerco de Leningrado, atravesando a Europa sacudida pola II Guerra Mundial. Catro voces van debullando un conxunto de historias entretecidas, que son protagonizadas por unha galería de personaxes entre os que destacan Alfredo, o autor das cartas; a súa nai María Luísa; os membros do pelotón do que el forma parte; cidadáns rusos atrapados pola crueldade da guerra; nenos, exiliados republicanos; xudeus e soldados alemáns que son testemuñas da viaxe da División cara á fronte do leste. Coa ribeira do Miño como centro e un mundo convulso como escenario, Fernández Naval constrúe en A noite branca unha narración emocionante, intensa, que lle permite recobrar personaxes e xeografías da súa primeira novela O bosque das antas (Premio Xerais 1988). A noite branca é unha novela de gran calado, de lectura seductora e decisiva na traxectoria literaria de Fernández Naval.
Podemos consultar tamén o interesante blog de Fdez Naval, onde se recolle a entrevista ao autor no programa Eirado da TVG:


Felices lecturas

Como non podía ser doutra maneira, aquí (no apartado Novidades) vos deixamos un gorentoso menú de lecturas para este Nadal. Unha escolma de bos libros e películas para que gocedes de felices e saborosas lecturas.
Entre elas, o próximo libro que escollemos para o club de lectura de adultos, Demasiada felicidad, de Alice Munro. 

En llamas e sen Mandela



Xa comentamos que este curso a biblioteca está en servizos mínimos, debido á redución horaria que sufrimos. Con todo, non queremos deixar esmorecer un dos proxectos máis entusiastas desta biblioteca: os clubs de lectura. Acollemos a demanda de moitos rapaces que pedían comentar a película "En llamas", despois de ter lido a triloxía "Los juegos del hambre". Falamos das nosas escenas preferidas, do paralelo coa mitoloxía clásica (minotauro, panem et circenses...), da simboloxía do sinsajo... e de moitas cousas máis. Coma sempre, comendo algo de chocolate.


Aproveitamos esta entrada para facer unha pequena homenaxe a Nelson Mandela, a voz dos sen voz, que faleceu onte deixándonos un pouco orfos a todos. No proxecto Dereitos Humanos que traballamos o ano pasado, fixemos referencia á importancia da súa figura. 






Aquí vos deixamos, tamén, o poema Irmaus, musicado por Fuxan os ventos:

Tradución feminina de Homero


Pois así é. Así de feminina é esta versión que Begoña Caamaño fai de Circe e Penélope, as personaxes femininas que protagonizan Circe ou o pracer do azul. Moi lonxe das versións edulcoradas que nos mostran as diferentes interpretacións que se teñen feito a través da literatura ou do cine, esta obra ofrece a "outra lectura" que se pode facer das circunstancias e sentimentos que padecen as mulleres nun mundo de homes. Lémbranos aquel microrrelato de M. Denevi que comentamos no club de lectura:

Tradución feminina de Homero
Toda a Odisea, coas súas viaxes, os seus naufraxios, as súas sereas, as súas herbas máxicas, os seu animais míticos, os seus pazos misteriosos, as súas aventuras e desastres é, para Penélope, unha inútil e tediosa demora nos seus amores con Ulises. Mentres tanto Amdrómaca rosma: “Que o vello Homero conte a historia á súa maneira. Eu darei a miña versión. Eu, que a vivín. Eu, unha pobre muller infortunada. Primeiro, lembro, foi a prohibición de saír da cidade. Despois tiven que puír escudos, coser sandalias, fabricar frechas ata que as mans se me chagaron. Despois vendar feridas que sangraban e supuraban e enterrar os mortos. Despois escasearon os víveres e alimentabámonos de ratas e raíces. Despois perdín ao meu marido e aos meus fillos. Despois o exército invadiu a cidade e abusou de min e das miñas fillas. Por fin o vencedor fíxome a súa escrava”.       
                                                                                                                              Marco Denevi  

Despois    de comentarmos   este fermosísimo libro escollemos, como complemento, a película La Odisea. Comentarémola o martes, 10 de decembros ás 8.  Podedes vela completa en you tube: 




                                   

Réquiem por un soño

Os recortes de persoal que afectan a este centro durante o presente curso obrígannos a manter unicamente os servizos mínimos de atención á biblioteca. A redución de horas e de persoal terá as seguintes consecuencias:

  •  rebaixar considerablemente a atención a usuarios durante os recreos,
  •  xornadas de acollida só para 1º ESO,
  •  O proxecto Aprendín reducirase á boa vontade de cada profesor, dado que non poderemos coordinalo como un Proxecto integrado,
  • desaparición dos clubs de lectura bibliarousa e bibliarousa 1, deixando unicamente bibliarousa + (adultos) xa que se realiza fóra do horario escolar.
O equipo de biblioteca manterá, con esforzo, a coordinación do Proxecto Lector e as actividades de dinamización  programadas.

Como responsables da biblioteca deste centro queremos subliñar o noso malestar ao ver mermadas as posibilidades desta biblioteca que foi, durante estes anos, un verdadeiro  eixo dinamizador do centro.
Os espazos culturais creados durante estes anos foron un exemplo de ilusión e compromiso, arquivados agora no capítulo dos soños, non da realidade. Só nos queda, xa que logo, entoar este réquiem por un soño.

Recortes

Coma un mazazo, chegounos a noticia dos novos recortes de profesorado cando aínda estabamos saboreando o resultado do noso proxecto de biblioteca deste curso. Se se manteñen as previsións de recortes, non imos poder atender a biblioteca, con todo o que iso significa:
- catalogación e empréstito de libros,
- coordinación do Proxecto Lector,
- formación de usuarios,
- alfabetización informacional,
- dinamización de recursos,
- proxectos,
- clubs de lectura...
Tantos anos de traballo, tanta implicación do alumnado e do profesorado, tanta ilusión e tanta aprendizaxe...para NADA?????

 "E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de (protestar)





A prensa recolle as nosas protestas:








Un mar de Dereitos

Unha mostra audiovisual do que foi o noso festival dos Dereitos Humanos. Podedes ver canto aprendemos e que ben o pasamos! Temos que agradecerlle esta montaxe a Xabier, que conseguiu darlles vida a todas esas imaxes. Unha chiscadela, tamén,  para o equipo de biblioteca  (Begoña, Iolanda, Carmen e Fe) que coordinou todas estas actividades.



Dereitos humanos from Xabier Marques on Vimeo.

Recomendamos, ademais, o vídeo feito polo IES A Basella sobre os nenos soldado para o concurso de Amnistía Internacional. Parabéns aos nosos veciños por ese magnífico premio! Este vídeo," Pensé que era un juego",  foi visto polos nosos alumnos como parte das actividades realizadas o día do Festival dos Dereitos Humanos.























Ímoslle poñer un sorriso aos Dereitos Humanos. Cun estilo ben diferente, esta curta de Fesser sobre as torturas: