Sementando pensamentos, colleitando poemas.





Sementamos pensamentos






colleitamos poemas








Esta foi a nosa particular celebración das  Letras Galegas: plantamos pequenos pensamentos acompañados de cadanseu poema escollido polos alumn@s de 3º ESO. Temos que agradecer a idea a Mª Xosé Lázare; a colaboración necesaria de Charo e Sonia  e, por suposto, aos rapaces e rapazas voluntarios que botaron unha man na plantación e presentación das "poeplantas".

Nunha sesión previa contamos coa presenza da famosísima poeta Susana S. Aríns, quen nos falou de como empezou a escribir, cales son os seus gustos literarios, cantos cartos se gañan escribindo poesía... en fin, unha sesión moi ben aproveitada na que @s alumn@s preguntaron todo o que sempre quixeron saber sobre a cración poética e non tiñan a quen preguntarlle... 
Para ela tamén houbo unha poeplanta.




LETRAS GALEGAS 2014

Un ano máis, programamos as nosas actividades para celebrar as nosas Letras. Como xa temos comentado, somos do parecer de que as Letras hai que coidalas día a día e non esperar á celebración do día de para que se nos encha a boca de loanzas e   fermosas palabras. Queremos lembrar o valor desta lingua coas palabras de Castelao en Sempre en Galiza:

“Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inagotable de obras de arte”.

Neste ano 2014 celébrase a obra do poeta Díaz Castro. Para achegarnos a esta figura botamos man dun telexornal feito no CEIP Os Dices. Tamén, o documental. Moitas grazas, compañeir@s,  por este traballo impresionante  que xa se vén convertendo nun clásico arredor da figura homenaxeada nas Letra Galegas






Para acabar, a visión tan particular que fai Paco Nogueiras do poema Penélope:

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos

che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día

a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,

o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!



DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961