Un ano máis, programamos as nosas actividades para celebrar as nosas Letras. Como xa temos comentado, somos do parecer de que as Letras hai que coidalas día a día e non esperar á celebración do día de para que se nos encha a boca de loanzas e fermosas palabras. Queremos lembrar o valor desta lingua coas palabras de Castelao en Sempre en Galiza:
“Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inagotable de obras de arte”.
Neste ano 2014 celébrase a obra do poeta Díaz Castro. Para achegarnos a esta figura botamos man dun telexornal feito no CEIP Os Dices. Tamén, o documental. Moitas grazas, compañeir@s, por este traballo impresionante que xa se vén convertendo nun clásico arredor da figura homenaxeada nas Letra Galegas
Para acabar, a visión tan particular que fai Paco Nogueiras do poema Penélope:
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961