Día do Libro.


Esta vez, o Día do Libro cadrou en venres, polo que o noso Club de Leitura puido facer unha sesión especial.
Aproveitamos para convidar algunhas persoas que tiñan curiosidade por coñecernos e, por esta semana, deixamos de lado o tema do amor, e simplemente dialogamos en volta da pergunta que preside a nova exposición da Biblioteca: E TI, PARA QUE LES?.
Poidemos adozar as respostas cuns libros especiais: galletas e chocolate.

E ti para que les?


Este é o título da actividade que imos levar a cabo no instituto para celebrar o Día do Libro, máis ben a semana do libro. Trátase dunha iniciativa de IND
( Implicadas No Desenvolvemento) en colaboración con 103 bibliotecas escolares de Galicia.
Encheremos o centro con respostas a esta pregunta. Ti xa pensaches para que les?
Non valen respostas do tipo: para aprobar, para que non me berren na casa...
No club de lectura bibliarousa temos hoxe unha sesión especial Día do Libro

Velaquí a mostra dixital da exposición, enviado desde a rede de bibliotecas escolares.

Exposición Banda Deseñada

No IES Illa de Arousa levamos uns días traballando na exposición Banda Deseñada que nos cedeu o IES Rodeira de Cangas. Trátase dunha exposición moi interesante que fai un percorrido desde as primeiras manifestacións do que se pode considerar un cómic ata as máis modernas mostras deste xénero. Aprendemos como se deseña; relacionamos obras artísticas con Astérix; descubrimos fórmulas matemáticas con Superman...en fin, unha exposición que aproveitamos todos os cursos desde as diferentes materias. Os nosos parabéns e agradecemento ao instituto Rodeira porque este é un traballo ben, ben feito.

Cine, Amor e Poesía II

Seguimos falando do Amor. Esta vez escollemos unha escena de Wall-e, o momento no que o robot agarda pacientemente a que a súa namorada, Eva, volva a ser a que era. Todo un exemplo de Amor.
Despois escoitamos a versión de Uxía de un dos poemas de Amor máis fermosos:
Eu en ti
e Moraima, de Celso Emilio Ferreiro.