Pacificando

Un ano máis, celebrando un día de PAZ entre tantas frontes de batalla: recortes, novas leis de educación e do aborto... en fin, unha sociedade máis inxusta e menos libre.
Xa comentamos como afectou a esta biblioteca o recorte de profesorado. Por esta razón, as actividades que desenvolvemos non irían avante sen a colaboración e implicación de moit@s compañeir@s (titorías, orientación, dirección...)  que sempre están aí para botar un cabo.  Así as cousas, e botando man do traballo de anos anteriores, conseguimos programar actividades para falar de PAZ e dos  DEREITOS. Esta é a nosa proposta:


  • "Pido a Paz e a palabra". Lecturas do club de lectura bibliarousa arredor deste tema. Entre moitas outras, velaquí unha mostra:
         ORIXE DO SÍMBOLO DA PAZ
 Deseñado polo artista británico Gerald Holtom en 1958 como emblema  dunha das meirandes marchas antinucleares da historia. En realidade,  é o logo de CND, Campaign for Nuclear Disarmament.
 O deseñador construíu o símbolo a partir das letras N (uclear) 
e D (isarmament) da linguaxe das bandeiras.



        Primeiro colleron aos comunistas, 
        e eu non dixen nada porque non era  
        comunista.

        Logo levaron aos xudeus, 
        e eu non dixen nada porque non era xudeu.

        Logo, viñeron buscar aos obreiros; 
        non dixen nada, porque non era obreiro nin 
        sindicalista.

        Máis tarde metéronse cos católicos, 
        e non dixen nada porque eu era protestante.

        Cando, finalmente, viñeron  por min, 
        xa non quedaba ninguén para protestar.

    Martin Niemüller (1892-1984) Pastor luterano.
     Foi un dos primeiros e máis tenaces críticos do
     nazismo.               


“Rapaces, coidado, loitamos moito  por conseguir o que tedes. Agora  tócavos a vós defendelo, mantelo e melloralo; non permitades que volo arrebaten”.

Prólogo de J. L. Sampedro en “Indignaos!”, de Stephane Hessel.  Este libro foi a orixe do movemento 15 M.



  • Exposición "Un mundo inxusto".Programada para os rapaces de 1º ESO xa que o resto do alumnado xa a visitara o ano pasado.

  • Película Cometas en el cielo. Programada para todo o centro con sesións de traballo. Paralelamente, un concurso de papaventos co lema "Voando en son de Paz".
.
















A noite branca

Velaquí o próximo libro que escollemos no club de lectura bibliarousa+. Comentarémolo o martes, 18 de marzo.

2ª Edición - Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do ano 2012

Marcos sente a necesidade de coñecer e contar unha parte esquecida do seu pasado familiar cando descobre varias fotografías e un feixe de cartas escritas por un voluntario da División Azul, enviadasdesde a fronte rusa en 1941, e atopadas no interior dunha caixa de marmelo. Coa axuda da súa nai, o escritor inicia un proceso de investigación e de recuperación da memoria que o leva desde A Habana da emigración galega ata a fronte do río Volchov e o cerco de Leningrado, atravesando a Europa sacudida pola II Guerra Mundial. Catro voces van debullando un conxunto de historias entretecidas, que son protagonizadas por unha galería de personaxes entre os que destacan Alfredo, o autor das cartas; a súa nai María Luísa; os membros do pelotón do que el forma parte; cidadáns rusos atrapados pola crueldade da guerra; nenos, exiliados republicanos; xudeus e soldados alemáns que son testemuñas da viaxe da División cara á fronte do leste. Coa ribeira do Miño como centro e un mundo convulso como escenario, Fernández Naval constrúe en A noite branca unha narración emocionante, intensa, que lle permite recobrar personaxes e xeografías da súa primeira novela O bosque das antas (Premio Xerais 1988). A noite branca é unha novela de gran calado, de lectura seductora e decisiva na traxectoria literaria de Fernández Naval.
Podemos consultar tamén o interesante blog de Fdez Naval, onde se recolle a entrevista ao autor no programa Eirado da TVG:


Felices lecturas

Como non podía ser doutra maneira, aquí (no apartado Novidades) vos deixamos un gorentoso menú de lecturas para este Nadal. Unha escolma de bos libros e películas para que gocedes de felices e saborosas lecturas.
Entre elas, o próximo libro que escollemos para o club de lectura de adultos, Demasiada felicidad, de Alice Munro. 

En llamas e sen Mandela



Xa comentamos que este curso a biblioteca está en servizos mínimos, debido á redución horaria que sufrimos. Con todo, non queremos deixar esmorecer un dos proxectos máis entusiastas desta biblioteca: os clubs de lectura. Acollemos a demanda de moitos rapaces que pedían comentar a película "En llamas", despois de ter lido a triloxía "Los juegos del hambre". Falamos das nosas escenas preferidas, do paralelo coa mitoloxía clásica (minotauro, panem et circenses...), da simboloxía do sinsajo... e de moitas cousas máis. Coma sempre, comendo algo de chocolate.


Aproveitamos esta entrada para facer unha pequena homenaxe a Nelson Mandela, a voz dos sen voz, que faleceu onte deixándonos un pouco orfos a todos. No proxecto Dereitos Humanos que traballamos o ano pasado, fixemos referencia á importancia da súa figura. 






Aquí vos deixamos, tamén, o poema Irmaus, musicado por Fuxan os ventos:

Tradución feminina de Homero


Pois así é. Así de feminina é esta versión que Begoña Caamaño fai de Circe e Penélope, as personaxes femininas que protagonizan Circe ou o pracer do azul. Moi lonxe das versións edulcoradas que nos mostran as diferentes interpretacións que se teñen feito a través da literatura ou do cine, esta obra ofrece a "outra lectura" que se pode facer das circunstancias e sentimentos que padecen as mulleres nun mundo de homes. Lémbranos aquel microrrelato de M. Denevi que comentamos no club de lectura:

Tradución feminina de Homero
Toda a Odisea, coas súas viaxes, os seus naufraxios, as súas sereas, as súas herbas máxicas, os seu animais míticos, os seus pazos misteriosos, as súas aventuras e desastres é, para Penélope, unha inútil e tediosa demora nos seus amores con Ulises. Mentres tanto Amdrómaca rosma: “Que o vello Homero conte a historia á súa maneira. Eu darei a miña versión. Eu, que a vivín. Eu, unha pobre muller infortunada. Primeiro, lembro, foi a prohibición de saír da cidade. Despois tiven que puír escudos, coser sandalias, fabricar frechas ata que as mans se me chagaron. Despois vendar feridas que sangraban e supuraban e enterrar os mortos. Despois escasearon os víveres e alimentabámonos de ratas e raíces. Despois perdín ao meu marido e aos meus fillos. Despois o exército invadiu a cidade e abusou de min e das miñas fillas. Por fin o vencedor fíxome a súa escrava”.       
                                                                                                                              Marco Denevi  

Despois    de comentarmos   este fermosísimo libro escollemos, como complemento, a película La Odisea. Comentarémola o martes, 10 de decembros ás 8.  Podedes vela completa en you tube: 




                                   

Réquiem por un soño

Os recortes de persoal que afectan a este centro durante o presente curso obrígannos a manter unicamente os servizos mínimos de atención á biblioteca. A redución de horas e de persoal terá as seguintes consecuencias:

  •  rebaixar considerablemente a atención a usuarios durante os recreos,
  •  xornadas de acollida só para 1º ESO,
  •  O proxecto Aprendín reducirase á boa vontade de cada profesor, dado que non poderemos coordinalo como un Proxecto integrado,
  • desaparición dos clubs de lectura bibliarousa e bibliarousa 1, deixando unicamente bibliarousa + (adultos) xa que se realiza fóra do horario escolar.
O equipo de biblioteca manterá, con esforzo, a coordinación do Proxecto Lector e as actividades de dinamización  programadas.

Como responsables da biblioteca deste centro queremos subliñar o noso malestar ao ver mermadas as posibilidades desta biblioteca que foi, durante estes anos, un verdadeiro  eixo dinamizador do centro.
Os espazos culturais creados durante estes anos foron un exemplo de ilusión e compromiso, arquivados agora no capítulo dos soños, non da realidade. Só nos queda, xa que logo, entoar este réquiem por un soño.

Recortes

Coma un mazazo, chegounos a noticia dos novos recortes de profesorado cando aínda estabamos saboreando o resultado do noso proxecto de biblioteca deste curso. Se se manteñen as previsións de recortes, non imos poder atender a biblioteca, con todo o que iso significa:
- catalogación e empréstito de libros,
- coordinación do Proxecto Lector,
- formación de usuarios,
- alfabetización informacional,
- dinamización de recursos,
- proxectos,
- clubs de lectura...
Tantos anos de traballo, tanta implicación do alumnado e do profesorado, tanta ilusión e tanta aprendizaxe...para NADA?????

 "E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de (protestar)





A prensa recolle as nosas protestas:








Un mar de Dereitos

Unha mostra audiovisual do que foi o noso festival dos Dereitos Humanos. Podedes ver canto aprendemos e que ben o pasamos! Temos que agradecerlle esta montaxe a Xabier, que conseguiu darlles vida a todas esas imaxes. Unha chiscadela, tamén,  para o equipo de biblioteca  (Begoña, Iolanda, Carmen e Fe) que coordinou todas estas actividades.



Dereitos humanos from Xabier Marques on Vimeo.

Recomendamos, ademais, o vídeo feito polo IES A Basella sobre os nenos soldado para o concurso de Amnistía Internacional. Parabéns aos nosos veciños por ese magnífico premio! Este vídeo," Pensé que era un juego",  foi visto polos nosos alumnos como parte das actividades realizadas o día do Festival dos Dereitos Humanos.























Ímoslle poñer un sorriso aos Dereitos Humanos. Cun estilo ben diferente, esta curta de Fesser sobre as torturas:


PROXECTO DEREITOS HUMANOS

Este venres celebramos no instituto o Festival dos Dereitos Humanos, a última actividade que forma parte do Proxecto traballado ao longo do curso. Durante esta semana fomos expoñendo os traballos que se realizaron nas distintas materias arredor desta temática. Parabéns a tod@s os profesor@s implicad@s polo magnífico traballo realizado e parabéns, tamén, a todo o alumnado pola súa participación. Aínda que non está recollido todo o material gráfico, velaquí unha mostra das actividades:


  •  Dereitos Humanos e instrumentos de tortura. 2º ESO, realizado en Ciencias Sociais e Tecnoloxía.






  • Dramatización de "Os Papalagui", representado por diferentes alumnos do instituto e coordinado por EDL e Teresa.

  • Dereitos Humanos. "Minerais de sangue". Tecnoloxía 4º




  • Dereitos Humanos no mundo, traballado no Ámbito Sociolingüístico PDC 4º 



  • Arte e Dereitos Humanos. Plástica e Lingua Castelá













  • A Liña do Tempo e os Dereitos Humanos. Ciencias Sociais de 4º ESO





  • Xincana. 4º ESO



  • Crebacabezas para todos




  • Cubos Dereitos Humanos. Plástica e  CC SS




  • Mardelinguas. Dereitos Lingüísticos. Lingua Galega 3º e 4º e Ámbito Sociolingüístico 3º.





  • Obradoiro de camisetas co símbolo da PAZ



  • Bailes cooperativos nos que participou todo o alumnado


  • Lecturas "Pido a Paz e a Palabra". Club de lectura Bibliarousa



A Voz de Galicia recolle estas actividades. O título dá que pensar!!!



Para ver máis información sobre os Proxectos da biblioteca, consultade De Proxectos, o blog que creou Iolanda:












Bibliarousa na Voz de Galicia

A voz de Galicia presenta unha pequena reportaxe sobre os nosos clubs de lectura. Fai un  percorrido pola andaina dos nosos clubs ata chegar aos tres  que temos hoxe. Convén engadir a estas reflexións o grao de participación do profesorado que se implicou nesta iniciativa desde o primeiro día; a colaboración dos pais que levan connosco varios cursos e, naturalmente, o traballo de moitos  d@s alumn@s que  pasaron polo club e dos que nestes momentos están a participar.  Parabéns a todos eles e oxalá que cumpramos "mil primaveras máis".

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2013/06/15/club-primeros-lectores/0003_201306A15C119913.htm



Ler as pedras

Estivo con nós Manolo Gago, xornalista de profesión e arqueólogo de vocación. A súa exposición sobre "A Illa dos Mortos" foi toda unha lección sobre arqueoloxía, respecto ao patrimonio, entusiasmo, vocación didáctica... Creo que ese día conseguiu que naceran moit@s arqueólog@s!
 No club de lectura Bibliarousa + lemos o libro que comparte con X. Ayán,  Herdeiros pola forza e esta charla foi o complemento perfecto a esta lectura.


Esta obra é unha chamada á acción para recuperar o noso inmenso patrimonio cultural no horizonte do século XXI. Non deixedes de consultar o seu interesatísimo blog ((capítulo 0))  

Velaquí unha mostra do seu traballo sobre "A Illa dos mortos"


Sés na Arousa


Estivo con nós Sés, esta catautora galega que nos fixo gozar e, sobre todo, reflexionar e pensar sobre o noso mundo. Con Sés pasas da gargallada ao sorriso, é dicir, o que parece só un chiste, vólvese unha carga de profundidade. Non deixou títere con cabeza: o ensino, o sexo, o amor... Parabén, Sés, por esta actuación e grazas ás Equipas de Dinamización lingüística dos institutos de O Faro ds Lúas, A Basella e A Illa de Arousa por esta boa escolla.
Aquí vos deixamos unha montaxe que nos fixo Xabier Marqués, profe do instituto de Vilanova, sobre a actuación de Sés:

Sés 2 from Xabier Marques on Vimeo.

LETRAS GALEGAS 2013

Un ano máis, celebramos o Día das Letras Galegas. Neste caso, a homenaxe vai para R. Vidal Bolaño, un actor de teatro rebelde, crítico, irónico..., en definitiva, un autor necesario para a as nosas letras, que tan malparadas andan nestes últimos tempos de decretazo para a lingua e de  Leis de Mellora(?) de Calidade(?)Educativa.





- Biografía







Entre os múltiples materiais elaborados polos distintos centros educativos, seleccionamos o telexornal  realizado polo CPI OS Dices aos que,  un ano máis, agradecemos este magnífico traballo.
- Informativo realizado nos estudos do CPI Os Dices (Rois) que repasa a traxectoria do autor. 
Realización: Luís Aldegunde - CPI Os Dices (Rois)





Chéganos, tamén, esta fermosa brincadeira chea de ritmo e reivindicación:
-  Meu o mundo é !
Vídeo-karaoke para cantar e lembrar que hai outros 364 días onde as letras son protagonistas... e os números, as formas, as cores...En GALEGO todo podes facer, en GALEGO noso o mundo é!.
Autoría: Paco Nogueiras Nodar





E, por último, unha lembranza do noso paso pola manifestación do Día da Letras Galegas (iso si, con nariz e chapeu)