As actividades da nosa biblioteca e dos clubs de lectura Bibliarousa e Bibliarousa+ non acaban co curso. Como xa sabedes, seguimos a prestar libros e películas para o verán. Podedes vir pola biblioteca do centro no mes de xullo para devolver ou levar o material que queirades. E xa que o verán é tempo de dietas, velaí vai a nosa receita: comidas de cine, fartura de libros, devorar as lecturas, devecer por seguir lendo... sen moderación, nin dosificación!!!
Castelao e Kiko Dasilva
Mentres agardamos a visita de Kiko Dasilva ao noso centro, no club de lectura Bibliarousa andamos a ler as Cousas de Castelao, por aquelo de que é un dos nosos primeiros ilustradores famosos. Amais desta paixón pola arte gráfica, é evidente que comparten algo máis: ironía, humor, RETRANCA e GAFAS!
Cantos Días merecen as Nosas Letras?
Programando a Semana das Letras Galegas para este ano, queremos mostrar esta chamada de atención sobre a importancia dunha lingua que é NOSA, que nos criou, que nos pertence e que non queremos perder. Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez Blanco son os autores destes vídeos.
Parece, xa que logo, que é unha cuestión de LIBERDADE pero tamén de RESPONSABILIDADE
Velaquí unha pequena mostra dun manifesto elaborado polos nosos alumnos, basado nun texto de Celso Emilio Ferrreiro e que recolle moitas das razóns que non explican nin as Gramáticas nin os Dicionarios pero que son suficientes para nós:
Eu fáloa porque si, porque me gusta.
Eu quéroa porque si, porque me mola.
Eu quéroa porque é parte de min.
Eu quéroa porque é miña, e chega.
Eu síntoa miña porque me criou desde pequeño.
Eu respéctoa porque son as miñas raíces.
Eu elíxoa porque si, porque vale a pena.
Eu fáloa porque me sae pola boca.
Eu aloumíñoa porque me fai máis feliz.
Porque me dá a vida.
Porque me fai soñar.
Eu seméntoa para que se multiplique.
Eu régoa para que non se murche.
Eu sóñoa para que a abale a lúa.
Eu cántoa para que o vento a zoe.
Eu navégoa porque estou a salvo no barco que me leva.
Eu esquézoa para lembrala unha e outra vez.
Porque grazas a ela podo escribir estas palabras.
Queremos, por último, facer unha homenaxe a Valentín Paz Andrade, o autor ao que se lle adican as Letras Galegas 2012. Escollemos un traballiño feito polo CPI dos Dices, en Rois, que nos parece moi interesante:
Proxecto América
Velaquí o resumo do Proxecto América realizado neste centro durante o pasado curso. Mostramos algunha das actividades nas que participamos toda a comunidade escolar, nun proxecto organizado pola biblioteca deste centro.
A razón de presentar este resumo a estas alturas é que expuxemos este traballo nos Encontros de Bibliotecas escolatres celebrados en Santiago os días 19 e 20 de abril. Alá fomos presumir de centro, de compañeir@s, de alumn@s... en definitiva, presumir dun traballo colaborativo do que nos sentimos orgullos@s.
A razón de presentar este resumo a estas alturas é que expuxemos este traballo nos Encontros de Bibliotecas escolatres celebrados en Santiago os días 19 e 20 de abril. Alá fomos presumir de centro, de compañeir@s, de alumn@s... en definitiva, presumir dun traballo colaborativo do que nos sentimos orgullos@s.
O Lector


O lector (Der Vorleser en alemán, literalmente "o que le en voz alta") é unha novela escrita polo profesor de leis e xuíz alemán Bernhard Schlink. Foi publicada en Alemaña en 1995 . O tema é o Holocausto, e a forma na que se xulgan os culpables. Michael Berg, o protagonista adolescente, convértese en "lector" e amante de Hanna, unha muller que lle leva máis de vinte anos...
Comentaremos o libro e a película, o martes, 24 de abril, ás 20 h. no instituto.
O Perfume
Comentamos o libro e, tamén, escenas da película.
marea de versos
Presentación na prensa:
http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2012/03/17/institutos-vilagarcia-illa-dan-forma-marea-versos/633209.html
Feminino plural
Sempre mantivemos que un día de (a muller, o medio ambiente, o traballo...) non é suficiente para mostrar realidades tan amplas e complexas. Por esta razón, para nós, O día da muller vai ter unha cobertura que non se pode circunscribir a determinados actos para cumprir co calendario.
Durante todo o mes de marzo realizaremos diversas actividades relativas a este tema, froito da colaboración entre os distintos departamentos: Titoría, Extraescolares, Normalización, Biblioteca...
Velaquí a nosa proposta:
Camiñan
descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.
Velaquí a selección de fotos da exposición "Mulleres e Ciencia" que pasou polo noso instituto:
Durante todo o mes de marzo realizaremos diversas actividades relativas a este tema, froito da colaboración entre os distintos departamentos: Titoría, Extraescolares, Normalización, Biblioteca...
Velaquí a nosa proposta:
- Proxección do documental Doli, Doli, Doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo. Trátase dun documental sobre o peche da conserveira Odosa na Illa de Arousa. Centos de mulleres pecháronse na fábrica para esixir os seus dereitos laborais e o recoñecemento de tantos anos de traballo. Sobrecolledor, sincero, unha mostra de valentía de moitas mulleres que son un exemplo de resistencia:
- Mesa redonda con algunha das ptotagonistas e coa directora do documental, Uqui Permuy.
- "Seneira de batas", idea recollida do documental "Bata por fóra, muller por dentro" realizado no IES Alexandre Bóveda de Vigo por Claudia Brenlla.
- "Mulleres e Ciencia", unha exposición prestada polo instituto de Catoira que recolle a biografía de mulleres destacadas no eido científico.
Camiñan
descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.
Ana Romaní, de Das últimas mareas (1994)
Velaquí a selección de fotos da exposición "Mulleres e Ciencia" que pasou polo noso instituto:
97 formas de decir te quiero
Aínda que non nos deu tempo a repartir os libros da próxima sesión do club de lectura, xa sabedes que esta obra: 97 formas de decir te quiero, de J. Sierra i Fabra será a que comentemos nas próximas sesións. Para ir facendo boca:
"Hay muchas formas de quererse, sabes? pero la suya era...total. Un amor puro, increíble,alucinante. Un amor especial como hay pocos. Y ellos lo sabían. Todos los enamorados del mundo creen que su amor es único y distinto, pero el de ellos sí lo era. Estaban hechos el uno para el otro, se tenían y deseaban fundirse en uno solo, cuando estaban juntos el tiempo se aceleraba, y cuando estaban separados se hacía eterno. Cada beso, cada caricia, era un puro sentimiento desnudo. Podían pasarse horas mirándose a los ojos y nada más, pero cuando se acariciaban, se besaban... entonces... no hay palabras para describir esa emoción."
Dado o entusiasmo co que se acolleu esta nova lectura, atrevémonos a propoñer que nós, os integrantes do club de lectura, escribamos nada máis e nada menos que 97 FORMAS de dicir "quérote". Na primeira sesión xa tivemos seis. Para ter un arquivo deste material creativo, ímolas publicando no taboleiro da entrada da biblioteca e, tamén, en forma de "comentario" neste blog, nesta entrada.
Simpson e Disney
África e Mia Couto
A última sesión do Club de Lectura BIBLIAROUSA+ foi ben estraña: nom puidemos ler o libro proposto porque... estaba descatalogado. Menos mal que tamén acordáramos visionar a película Mooladé, e demos en comentar varias escenas do filme que, como o libro non-lido (Mutilada, de Khadi Koita) trata o tema da mutilación xenital feminina.
A sesión deu para falar polo miúdo porque a película do senegalés Ousmane Sembene é unha marabilla que todas e todos deberiades gozar. Falando das mulleres da película, das tradicións culturais que non o deberan ser, da vida no rural africano... chegamos á proposta para a próxima sesión:
O último voo do flamingo, de Mia Couto, que como o seu nome indica é un home. A versión orixinal da novela está escrita en portugués, pois Mia Couto é mozambicano, país que fai parte da Lusofonia. Existe tradución ao castelán na editorial Alfaguara. Temos exemplares circulando entre nós, polo que, se tedes interese en participar no club, só tedes que contactar con nós.
Foi estreada este verán unha película baseada na novela, así que tentaremos facernos con ela, para ver algunha escena o día da merenda-encontro.
Pido a paz e a palabra
Con este verso de Blas de Otero, queremos comezar a proposta de actividades que imos levar a cabo con motivo da Semana da Paz. Velaquí un adianto:
- "Cine para vivir, cine para convivir". En cada curso proxectaremos unha película que trate o tema da Paz: A Ola (4º ESO), A lingua das bolboretas (3º ESO), O neno do pixama a raias (2º ESO) e O señor das moscas (1º ESO). O visionado das películas irá acompañado de diferentes actividades orientadas ao tratamento do tema da Paz e Dereitos Humanos.


- Paz e Dereitos Humanos. Exposición e traballos sobre este tema facendo unha avaliación do grao de cumprimento real destes Dereitos.
-Mercadillo solidario. Ao longo da semana que vén iremos aportando diferentes obxectos, libros... para poñelos á venda e, cos cartos recadados, facer unha doazón a unha ONG. Precisamos a colaboración dos pais e nais para o desenvolvemento desta actividade.
- Libros e películas na biblioteca. Recomendacións Paz 2012
Os Simpsons
Xa estamos de volta traballando no club de lectura Bibliarousa. Tal como dixemos, a nosa próxima "lectura" será a serie animada Os Simpsons. Para introducir o xénero de banda deseñada, comentamos unhas nocións básicas sobre esta técnica:
- Que é un cómic?
- Que é un manga (漫画)?
- Por que os xaponeses debuxan os ollos tan grandes se eles os teñen tan pequenos?
- Conseguiremos que Kiko Dasilva nos fale da súa obra e da banda deseñada galega? Por certo, non deixedes de visitar a I Exposición de cómic internacional que se expón estes meses no Auditorio da Illa.
AVISO CLUB DE LECTURA BIBLIAROUSA +
O libro Mutilada que debemos comentar na próxima sesión do día 24 de xaneiro, está descatalogado polo que vai ser difícil que o poidamos ler todos os intrgrantes do club de lectura. De todos os xeitos quedamos para falar da película Mooladé, de Ousmane Sembene. Se non a podedes conseguir, preguntade no instituto ou navegade un pouco pola rede. Ata o martes!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



















